DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso que se desenvolverá virtualmente entre outubro de 2021 e maio de 2022

Sete meses de especialización descubrirán as ferramentas dunha educación práctica, inclusiva e transformadora

A matrícula está aberta ata o 30 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 28/09/2021

A evolución e o cambio constante das sociedades son factores que obrigan ás persoas dedicadas ao ensino, en calquera dos seus ámbitos, a adaptarse rápidamente a contextos novos. Neste senso, as e os profesionais deben ser capaces de modificar os seus plans e obxectivos en función das circunstancias, así como de adecuar os seus proxectos docentes ás subxectividades do alumnado. Co fin de afondar nas ferramentas precisas para unha educación adaptada aos tempos, inclusiva e actualizada, a Escola Aberta de Formación Permanente organiza un curso especialista que se realizará en formato virtual entre outubro deste ano e maio de 2022. 

Dirixido principalmente a mestras e mestres, docentes de Educación Secundaria, psicólogas e psicólogos e estudantado de titulacións vinculadas co ámbito educativo, o programa oferta 100 prazas, ten un custo de 750 euros e a matrícula está aberta ata o 30 de setembro.

Unha novidade que cobre a demanda de educadores e profesorado

Baixo a dirección académica da catedrática da UVigo Margarita Pino, esta formación ten o obxectivo de proporcionar ás persoas asistentes “destrezas pedagóxicas para o deseño de procesos de ensino-aprendizaxe que permitan a introdución de metodoloxías activas para converter ao educando en protagonista da súa aprendizaxe”. Abordaranse tamén temas como a comprensión da función instrutiva da familia e da comunidade, as achegas da neurociencia ou as técnicas de inclusión no eido educativo. 

Pino sinala que entre educadores e profesorado “hai unha importante demanda de coñecementos sobre os procesos de implementación de proxectos de innovación educativa, tanto no ámbito formal como informal”, de aí a importancia de lanzar esta actividade. De feito,  aínda que é a primeira vez que se convoca este curso, a catedrática afirma que “nace con vocación de futuro, xa que pretende favorecer a formación do profesorado no só no ámbito nacional, senón tamén no latinoamericano”. Ademais, o curso é baremable para oposicións. 

Útil para estudantes de titulacións universitarias afíns 

Desde a organización explican que este pode ser un complemento formativo útil para as persoas que estean matriculadas no Máster Universitario en Profesorado ou no Grao en Educación Primaria, por exemplo, xa que “diferentes investigacións sinalan a importancia dunha renovación metodolóxica” que promova “profesionais flexibles, activos e creativos”. Margarita Pino destaca que, malia que o Máster Universitario en Profesorado conta cunha serie de materias relacionadas co programa do curso, “resulta imposible que o alumnado adquira todos os contidos e competencias só no tempo establecido no mestrado”. 

Por este motivo, a formación constitúe unha oportunidade para coñecer, da man dunha vintena de especialistas, os fundamentos teóricos da innovación educativa e o xeito de empregar recursos deseñados ad hoc en función dos principios de atención á diversidade. Igualmente, Pino subliña a metodoloxía “activa e participativa” do programa, que axudará a que o estudantado adquira ferramentas pedagóxicas “a través do desenvolvemento práctico dun proxecto individual ou colectivo orientado”.  

Case 300 horas lectivas e unha vintena de especialistas

Nas 285 horas de duración do curso, participarán arredor de 20 especialistas. Segundo Margarita Pino, trátase de “profesorado de varias universidades españolas e latinoamericanas de campos de coñecemento diversos”. Esta variedade de relatores permitirá “resolver, de maneira concreta e funcional, as dúbidas que xurdan nos proxectos presentados polo estudantado, así como fundamentar científicamente a toma de decisións”. 

O calendario académico do curso estenderase entre o 1 de outubro de 2020 e o 5 de maio de 2022. As clases do módulo teórico serán todos os xoves e venres pola tarde entre o 1 outubro e o 15 de decembro. Pola súa banda, as clases prácticas levaranse a cabo entre o 16 de decembro e o 31 de marzo, e o xoves 5 de maio o alumnado deberá presentar e defender os seus proxectos finais.