O financiamento supera, por primeira vez, os 200.000 euros
Sete novas axudas da FECYT permítenlle a UVigo seguir impulsando as actividades que achegan a ciencia á cidadanía
Poranse en marcha novas iniciativas e continuarán outras como Ciencia de ida e volta ou CinVigo
A Universidade de Vigo acaba de conseguir financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, FECYT, para desenvolver sete proxectos no marco da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. A axuda alcanzada supera nesta ocasión os 200.000 euros, 50.000 euros máis que na anterior edición, cando a institución académica viguesa xa conseguira bater o seu propio récord coa consecución de sete axudas por un importe de 150.000 euros. Son os mellores datos acadados pola UVigo nesta convocatoria, unha das poucas que existen, tanto a nivel nacional como internacional, específicas para divulgación e, derivado disto, tamén unha das máis competitivas.
O incremento na contía das axudas permitirá ampliar a oferta de actividades de divulgación da cultura científica durante o vindeiro curso nos seus tres campus, mantendo a aposta por actividades xa coñecidas como o festival CinVigo, o plan Ciencia de ida e volta ou o proxecto Te lo cuentan las matemáticas con novas iniciativas dirixidas a mellorar a educación científico-técnica da sociedade en todos os niveis.
Iberia nun gran de area, Iberarenum e ImpactARTE
Dúas das novas propostas chegan da man do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo: Iberia nun gran de area, Iberarenum e ImpactARTE. A primeira, Iberarenum, é un proxecto posto en marcha en coordinación coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia e que nace co obxectivo de implicar activamente á cidadanía na creación dun banco nacional de areas de praia. A idea é crear unha plataforma web na que as persoas participantes terán á súa disposición información sobre como realizar a mostraxe nunha praia e os datos que é necesario recompilar para poder catalogar correctamente a mostra mediante un sinxelo dossier de instrucións e un vídeo explicativo protagonizado por unha investigadora ou técnica preferiblemente, para visibilizar as figuras científicas femininas.
No caso de ImpactARTE, coordinado pola profesora Ángela Fontán, trátase dunha iniciativa de divulgación arte-ciencia-sociedade que expón un espazo colaborativo entre investigadores/as mariños e historiadores, ilustradores e entidades patrimoniais e culturais españolas (museos, asociacións…) para identificar e mostrar os impactos do clima marítimo no litoral en obras artísticas do pasado e crear ferramentas divulgativas que acheguen a ciencia e a arte á sociedade. Esta colaboración culminará ademais co desenvolvemento dun xeoportal interactivo no que se expoñerán as obras de arte identificadas e o significado científico dos trazos do clima marítimo observado e os impactos costeiros asociados.
Olimpíada da Enerxía
Outra das novidades divulgativas do vindeiro curso chega da man da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, onde levan xa anos impulsando as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado preuniversitario. Nesta ocasión a axuda da FECYT vai dirixida á Olimpíada da Enerxía, unha iniciativa dirixida a achegar as disciplinas STEM relacionadas co sector enerxético (recursos enerxéticos, xeración e distribución de enerxía, aproveitamento eficiente) ao alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional. Coordinadas pola directora do centro, Elena Alonso, con esta actividade búscase tamén contribuír á mellora do sistema educativo a través da sinerxía entre as universidades e os centros educativos de ensino medio.
Institutos vigueses ante o reto da economía azul
Tras unha primeira experiencia piloto na cidade de Pontevedra, o vindeiro curso chegará a Vigo Postgrowth SA, un proxecto de ciencia cidadá no ámbito das ciencias sociais que ten como obxectivo xerar coñecemento sobre a transición cara á economía azul, un tema que cada vez será máis crucial. Ao longo do proxecto profesorado e alumnado dos institutos da cidade olívica converteranse en científicos e científicas sociais e abordarán os principais retos que presenta a economía azul na cidade, contribuíndo a desenvolver unha axenda política e unha guía de recomendación sociais para promover dita transición.
Novas edicións de Ciencia de ida e volta, CinVigo e Te lo cuentan las matemáticas
Entre as actividades financiadas pola FECYT inclúese tamén a cuarta edición do proxecto Ciencia de ida e volta impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación, UCC+i, que pasa dunha axuda de 30.000 a 40.000 euros, o que permitirá seguir financiando actividades como a expofeira A ciencia que vén ou a Noite Europea das Persoas Investigadoras, entre outras moitas.
Desde o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, tamén se acadou financiamento para unha nova edición do festival CinVigo. Ciencia en calle, que en 2025 acadará xa a súa terceira edición abrindo a súa participación a centros educativos de toda España e ampliando o número de proxectos admitidos a concurso de 50 a 100 proxectos.
Como terceiro proxecto xa consolidado está Te lo cuentan las matemáticas, dirixido a estimular as “vocacións matemáticas” dos nenos e nenas da última etapa de educación primaria e primeiros cursos da ESO e a amosarlles as múltiples aplicacións desta ciencia na vida cotiá. Será a quinta edición dun proxecto polo que só este curso pasaron 800 estudantes de 16 colexios de Vigo e Pontevedra.
Chega a Vigo o proxecto madrileño Paleo en el Barrio
A maiores destas sete iniciativas, a UVigo colabora tamén por primeira vez no proxecto Paleo en el Barrio: ciencia de proximidad, coordinado polo CSIC, e que leva xa dúas edicións divulgando entre a cidadanía do distrito madrileño de Vallecas o legado paleontolóxico e de historia natural dos seus barrios. Nesta nova etapa o proxecto viaxa ata a cidade olívica onde hai unha gran riqueza natural e cultural, destacando con luz propia as illas Cíes.