DUVI

Diario da Universidade de Vigo

SoildiverAgro, coordinado por Vigo, acadou case un millón de euros

Sete proxectos de investigación da Universidade captan máis de 2,5 millóns de euros nas convocatorias europeas H2020 e Interreg Espazo Atlántico

No último lustro a institución conseguiu máis de 16,5 millóns

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 14/06/2019

2,56 millóns de euros acadaron en convocatorias europeas sete proxectos nos que investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, ou ben son responsables da súa coordinación, ou participan como socios, xunto a outras entidades ou institucións. En concreto, dous dos sete proxectos reciben financiamento do programa H2020:  SoildiverAgro, o único coordinado pola Universidade de Vigo e que ten a David Fernández do grupo de Edafoloxía do campus de Ourense á fronte, e Triatlas, no que Vigo participa xunto a unha trintena de socios e no que Emilio Marañón, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, é o investigador principal. Os outros cinco proxectos concedidos á institución académica viguesa (CircularSeas; SIRMA; Nanoculture; Atlantic-POSitiVE e AtlanticCultureScape) reciben financiamento do programa Interreg Espazo Atlántico. 

“A consecución da máis de dous millóns e medios de euros en proxectos europeos paréceme moi pouco para unha Universidade como Vigo, onde temos tres centros de investigación (Cinbio, CIM e atlanTTic) e tres agrupacións estratéxicas (Ecobas, Citaca e INEX), onde se fai investigación moi punteira”, valora Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, que agarda que a cifra se poida triplicar ao longo do ano, ao tempo que recoñece que as e os investigadores da institución “precisan moita máis axuda coa parte técnica e administrativa dos proxectos. Neste sentido, Rubio asegura que o equipo de goberno está a traballar para dar cumprimento ao seu compromiso electoral de crear unha oficina de xestión integral de proxectos “que axude ao persoal investigador desde o punto  de vista técnico e administrativo para que poida centrarse na parte científica e podamos ter máis éxito”, explica a vicerreitora, que avanza que no vindeiro programa marco (Horizon Europe) haberá un financiamento de preto de 100.000 millóns de euros “e temos que estar preparados para acudir con máis garantías de éxito”. No último lustro os proxectos de investigación da Universidade de Vigo foron quen de captar máis de 16,5 millóns de euros en convocatorias europeas.

Proxectos H2020: xestión e sistemas de cultivo e de actividades humanas no Atlántico

Cun orzamento total de preto de sete millóns de euros, o proxecto SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in European agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase), coordinado pola Universidade de Vigo e que conta coa participación de 22 socios de sete países, incluído España, prolongarase desde este mes xuño ata o mediados do ano 2024. O proxecto, dirixido polo investigador David Fernández do grupo de Edafoloxía e Química Agrícola do campus de Ourense, céntrase na adopción de novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo que melloran a xenética do solo e a biodiversidade funcional para reducir o uso de insumos externos ao tempo que aumenta a produción e a calidade dos cultivos, a prestación de servizos ecosistémicos e a estabilidade agrícola e a resilencia da UE. A subvención concedida polo programa H2020 á Universidade de Vigo é de 987.875 euros, o supón o 14% do presuposto total.

Pola súa banda, Triatla (Tropical and South Atlantic climate-based marine ecosystem predictions for sustainable management) é un proxecto participado por 34 socios, cinco españois, entre os que se atopa a Universidade de Vigo. Emilio Marañón, do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, é o investigador principal do proxecto na institución académica viguesa, que percibe 318.000 euros, un 3%, do orzamento total, que ascende a 11 millóns de euros. O obxectivo principal de Triatla é permitir a xestión sostible das actividades humanas no océano Atlántico no seu conxunto, mediante o peche de fendas de coñecemento sobre o estado do ecosistema mariño do Atlántico sur e tropical e o desenvolvemento dun marco para predicir os seus cambios futuros, dende meses a décadas.

Proxectos Interreg: control da Vespa Velutina, comercialización do patrimonio cultural inmaterial ou economía verde no mar

Unha decena de socios europeos, incluídos cinco españois, entre os que se atopa a Universidade de Vigo, participan no proxecto Atlantic-POSitiVE (Preservación de servizos de polinización atlánticos e control da especie invasora Vespa Velutina). Cun presuposto total de 2,3 millóns de euros, o proxecto ten como obxectivo a preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de métodos conxuntos para o control da Vespa Velutina, un importante depredador de abellas e outros polinizadores, que tras ser introducido accidentalmente en Europa, atópase actualmente en practicamente todas as rexións da área atlántica. A investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Josefina Garrido é a IP deste proxecto no que a Universidade de Vigo captou 352. 571 euros.

Pola súa banda, Pilar Muñoz, docente do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade é a investigadora principal da Universidade de Vigo no proxecto AtlanticCultureScape (Patrimonio Cultural Intanxible na contorna terrestre e mariña da área atlántica). Xunto á institución académica viguesa participan neste proxecto 17 socios, españoles e europeos, que acadaron preto de 1,5 millóns de euros para desenvolver esta investigación, na que a Universidade de Vigo contará con 203.000 euros. O proxecto desenvolverá experiencias susceptibles de ser comercializadas, a partir do concepto de patrimonio cultural inmaterial na zona do arco atlántico. Co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e das persoas que visiten a zona, o proxecto buscará fomentar un crecemento económico sostible, tomando en conta a contorna, desenvolvendo mecanismos innovadores e utilizando solucións creativas a problemas comúns.

No caso de CircularSeas (Transformando o residuo plástico do océano en produtos verdes para as industrias marítimas), promocionarase a economía verde a través do desenvolvemento de produtos ou compoñentes innovadores ou verdes polas industrias marítimas, cun triplo enfoque: a transferencia de ferramentas, unha combinación de tecnoloxía de impresión 3D e o uso de residuo plástico mariño e polímeros biodegradables renovables e de altas funcionalidades; casos comerciais que demostren a viabilidade das pezas e un ecosistema de innovación aberta para a experimentación en media ducia de portos. Julio Garrido do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática é o investigador principal do proxecto na Universidade de Vigo, que participa xunto a outros sete socios e que percibe 191.000 euros, do total do preto de millón e medio de subvención co que conta a investigación.

O proxecto SIRMA (Reforzo da xestión de riscos asociados a infraestruturas no espazo atlántico) está participado por unha decena de socios que traballarán no desenvolvemento de ferramentas robustas para mitigar os riscos que afectan ao desempeño das infraestruturas, por mor dos eventos naturais extremos e procesos de corrosión derivados da proximidade do océano Atlántico. Para iso, o proxecto, que conta cun orzamento total de dous millóns de euros, implementará medidas a curto, medio e longo prazo, aumentando a resilencia das infraestruturas. A IP do proxecto da Universidade de Vigo, á que lle foron concedidos preto de 154.000 euros, é Belén Riveiro docente e investigadora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción.

Afondar no coñecemento, avaliación e mitigación dos riscos ambientais das nanopartículas de enxeñaría máis utilizadas: dióxido de titanio (TiO2) e prata (Ag) en produtos de mercado, é o obxectivo de Nanoculture (Avaliación e mitigación de riscos da presenza de NANOmateriais en aquaCULTURA atlántica). No foco do proxecto, no que o IP da Universidade de Vigo é Miguel Ángel Correa docente e investigador do Departamento de Química Física, están os ecosistemas relacionados coa acuicultura, un sector de alta relevancia económica na área atlántica, para o que se investigarán os efectos das nanopartículas en produtos acuícolas, a súa bioacumulación e avaliarase o seu impacto na inxesta humana. Para o desenvolvemento deste proxecto, que se prolongará durante 36 meses, a Universidade de Vigo percibe do programa Interreg preto de 153.000 euros.