DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ourense Rural Summit clausurouse este xoves coa sinatura dunha declaración

Sete puntos para marcar unha estratexia de futuro para o rural

O documento será a folla de ruta do International Observatory of Rural Research

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 31/10/2019

Despois de tres días de intensa actividade, o Ourense Rural Summit, iniciativa organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense, pechouse este xoves coa sinatura por parte dos seus participantes da Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Rural Europea. Nela márcase unha folla de ruta de sete puntos para o International Observatory of Rural Research, promovido polas dúas institucións, recalcando como “o impulso dos territorios rurais é clave para o futuro da economía, a sociedade e o medio”.

O acto de clausura no parador de Santo Estevo contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, que asinaron a declaración, e María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da institución académica, encargada de dar lectura ao documento baseado nas achegas dos arredor de 130 especialistas de dez países que participaron no Ourense Rural Summit. Nas súas palabras, Manuel Reigosa, recalcou como “un dos retos máis importantes que ten toda a sociedade europea ten que ver co rural, ten que ver co seu abandono” e nese contexto indicou como “Ourense é un bo laboratorio de probas” na busca “dun futuro mellor”. Así, o reitor subliñou como a creación do International Observatory of Rural Research “vai ser de capital importancia” para “propor medidas que permitan dignificar a vida no rural, fixar poboación e conseguir unha prosperidade moito maior”.

Pola súa banda, Manuel Baltar recalcou como “estamos no medio rural, estamos nunha provincia rural pero estamos tamén nunha comunidade autónoma que tamén é rural, nunha España rural e nunha Europa onde o 80% do territorio é rural”. Neste contexto, indicou como “o Ourense da actualidade, as súas perspectivas poboacionais e socioeconómicas, será a Unión Europea do 2050” polo que apostou por ser o “laboratorio” para ensaiar políticas “para enfrontarnos a unha realidade que está aí e que aquí coñecemos mellor que ninguén”. Por este motivo, o presidente do órgano provincial fixo fincapé na importancia de que o Observatory of Rural Research “non só se focalice en Ourense senón nun rural internacional que está ávido de coñecer respostas e solucións para medrar”.

Declaración de Santo Estevo

Na Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Rural Europea asinada destácase que se realiza “baseándose nas achegas e conclusións de todos os participantes e co ánimo de liderar unha evolución do rural en positivo”. Nela, declaran “que unha política rural innovadora, coherente e integradora debe inspirarse” nas medidas propostas neste documento e “que teñen que ser abordadas desde unha axenda rural europea necesaria para afrontar os retos do rural”. A primeira das medidas contempladas é “impulsar a creación de ecosistemas de innovación rural a través do desenvolvemento e integración de solucións baseadas no coñecemento social, científico e tecnolóxico”. A segunda é “revitalizar os territorios, apostando por novos investimentos e modelos que xeren valor engadido para a sociedade en áreas como o emprendemento, os servizos básicos, a sociedade do coñecemento e o desenvolvemento das competencias sociais, persoais e profesionais ao longo da vida”.

A terceira das propostas recollidas é “reivindicar unha alta calidade de vida como elemento competitivo das zonas rurais que poda atraer e fixar poboación moza” e a cuarta “preservar e dar valor ao patrimonio natural e cultural do medio rural para garantir o seu desenvolvemento endóxeno e unha xestión sustentable dos recursos naturais”. A quinta é “apoiar a loita contra o cambio climático con accións que axuden a mitigar e adaptar os territorios aos seus efectos, pondo en valor o potencial de sectores como a enerxía renovable, a bioeconomía e a economía circular” e a sexta “impulsar as cadeas de valor rural e examinar as novas oportunidades de negocio para as empresas de todos os sectores”. A última das medidas recollidas no documento é “apostar por unha gobernanza local máis moderna e áxil introducindo elementos participativos da cidadanía e mellorando as capacidades das administracións públicas para simplificas os trámites burocráticos”. Por último, a declaración tamén fai fincapé en que “consideramos necesaria a creación dunha axenda rural europea que actúe como marco de acción para o deseño das políticas do medio rural”.

Visión, polos de actuación e áreas de innovación

Estas sete medidas serán as que guíen a estratexia do International Observatory of Rural Research, que, explicou María Isabel Doval, “ten como visión liderar unha evolución do rural en positivo” e actuar como axente “multiactor de innovación que impulse procesos participativos de transformación rural baseándonos no coñecemento científico”. Froito do encontro celebrado estes días, a vicerreitora indicou que se marcan para este observatorio seis grandes metas ou polos de actuación, como son a transición ecolóxica e xusta; a atención integral ao envellecemento; o cambio demográfico e o despoboamento; o desenvolvemento intelixente dos territorios; a calidade e seguridade alimentarias e comunidades igualitarias e inclusivas. Do mesmo xeito, os especialistas definiron tres grandes áreas de innovación para o observatorio. A primeira é a economía rural, con temas como a bioeconomía, a economía circular, o turismo, novos modelos de negocio, a agricultura e gandería de precisión e a innovación tecnolóxica. O segundo polo de innovación é o social, abranguendo aspectos como a perspectiva de xénero, a inmigración ou a calidade de vida, os servizos básicos, o emprendemento, o desenvolvemento de competencias persoais e profesionais e a formación en cuestións de responsabilidade social, individual e colectiva. O terceiro gran polo identificado é o medio ambiente e o cambio climático, achegándose a cuestións como o desenvolvemento sostible, a mitigación do cambio climático, a biodiversidade e a ecoloxía, a transición enerxética e enerxías renovables e a preservación de recursos naturais.