DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de inscrición na programación de obradoiros de extensión universitaria

Sete talleres e 120 prazas para continuar formándose no segundo cuadrimestre

Un curso sobre o mundo do viño é a principal novidade desta edición

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Igualdade
  • Música
  • Teatro
  • TIC
  • Cultura
DUVI Ourense 29/01/2019

Os obradoiros de extensión universitaria que se celebrarán a longo deste segundo cuadrimestre no campus de Ourense xa teñen aberto o seu prazo de inscrición. Nesta edición son sete as opcións que teñen para continuar formándose fóra das aulas os membros da comunidade universitaria e a cidadanía en xeral interesada. Entre elas, a principal novidade é un curso sobre o mundo do viño.

A edición deste cuadrimestre, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, caracterízase pola continuidade xa que se “celebrarán seis obradoiros realizados en anteriores ocasións e se incorpora unha nova proposta, chamada O viño: da esencia á emoción, dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias Concepción Pérez Lamela”. A duración dos cursos oscila das 30 ás 40 horas, desenvolvéndose nunha ou dúas sesións semanais. En total ofértanse 120 prazas, estando a matrícula en liña aberta do 29 de xaneiro ao 12 de febreiro ou ata esgotamento de prazas. O prezo é de 40 euros para o público xeral e 26 para os membros da comunidade universitaria, excepto no curso sobre o viño, que custa 50 euros para o público xeral e 32,5 euros para os membros da comunidade universitaria.

Do viño á música tradicional

No curso O viño: da esencia á emoción “exporase unha visión global do mundo do viño, desde a súa historia e efectos sobre a saúde ata a evolución nos gustos”. Para facelo, cada luns achegarase ao edificio Politécnico do campus unha ou un experto para ofrecer unha charla teórica ou unha sesión de adestramento sobre sabores e aromas. O obradoiro, ao longo do cal se degustarán 23 viños, rematará cunha visita a unha adega para coñecer de primeira man o proxecto dun viticultor.

No mesmo edificio tamén se volverán a repetir varios cursos relacionados coa ciencia e a informática. Así, haberá unha nova oportunidade de realizar o curso de edición con Photoshop que, dirixido polo profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática Javier Rodeiro, permitirá ás persoas inscritas introducirse “no apaixonante mundo do retoque dixital de imaxes”, aprendendo a modificar imaxes, a restaurar fotos deterioradas, a aplicar filtros ou a construír fotomontaxes. Da mesma escola xorde o taller de introdución á programación, do profesor Baltasar García. Tendo en conta como “a programación é unha competencia cada vez máis demandada”, neste obradoiro as e os participantes adquirirán “experiencia básica no desenvolvemento informático utilizando Python da maneira máis sinxela posible”.

O edificio Politécnico tamén acollerá este segundo cuadrimestre unha nova edición do curso ofrecido polo físico José Ramón de introdución á observación astronómica no que se falará “dos principais obxectos de observación astronómica, como son lúas, planetas, estrelas e galaxias, e as técnicas de observación máis habituais”.

Xa no Edificio de Ferro serán dous os obradoiros que se celebrarán a iniciativa de profesorado da Facultade de Ciencias da Educación. Así levarase a cabo unha nova edición do obradoiro Espazo Queer: repensando as sexualidades desde as marxes, dirixido por María Victoria Carrera, e que pretende ser un espazo para “reflexionar, experimentar e transgredir” e no que se traballará a identidade sexual e as identidades de xénero subversivas. Igualmente repite nesta edición o obradoiro de mindfulness, dirixido polo profesor Stuart McNicholls, e “deseñado para afondar con persoas adultas na súa práctica en relación coas emocións, coa comunicación e co mundo en que vivimos”.

Pecha a programación deste segundo cuadrimestre unha nova edición do Obradoiro de gaita galega impartido por Gonzalo Abelairas. Nel as e os asistentes, sexa cal sexa o seu nivel de formación neste eido, poderán profundar neste instrumento e en xeral na música tradicional galega.

Seguen as aulas anuais

Ademais desta nova convocatoria, durante o segundo cuadrimestre continuará o desenvolvemento das aulas de teatro e danza que se imparten cada curso no campus de Ourense. Os grupos formados a principios de curso nos diferentes niveis continuarán estes meses a súa actividade. Trátase das aulas de teatro Rosaura, aberta aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. Ademais das aulas de teatro, o campus conta cunha aula de danza contemporánea chamada D-Ou-Tras, impartida polo grupo Traspediante, que tamén ofrece ao seu alumnado a oportunidade de, ademais de formarse, actuar en diversas mostras universitarias. O grupo de danza formado no primeiro cuadrimestre continuará tamén este segundo cuadrimestre a súa actividade.