DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina pola montaña portuguesa celebrarase o sábado 9 de febreiro

A sétima ruta cultural achegarase a Castro Leboreiro

O prazo de inscrición xa está aberto a todas as persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 05/02/2019

Castro Leboreiro, situado no Concello de Melgaço, en Portugal, e no Parque Nacional de Peneda-Gerês será o destino da sétima ruta cultural organizada este curso no marco da programación de andainas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Será o segundo roteiro de montaña que se leve a cabo este ano, despois de ter subido o pasado 26 de xaneiro á serra do Faro, en Lugo.

O percorrido ten unha extensión de 16 quilómetros e unha dificultade media-alta. Os primeiros quilómetros, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense, decorrerán por unha paisaxe de monte baixo. “Esta primeira etapa será suave e heteroxénea, pasando por pobos moi coidados, por pequenos ríos, prados, monte baixo, etc”, comenta García-Calvo. A dificultade, indica, comezará nos últimos dous ou tres quilómetros, cando as e os participantes teñan que realizar “unha subida considerable” por un sendeiro pequeno ata chegar ao cumio.

Sobre o escenario desta sétima andaina universitaria, o seu coordinador destaca como a paisaxe e o percorrido é moi similar ao que se pode facer na parte galega da serra, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. “A única diferenza é os pobos que atopamos no camiño, que no caso portugués son moi organizados e concentrados”, comenta José García-Calvo. Ademais, destaca desta andaina, todo o percorrido está moi ben sinalizado xa que a zona está moi enfocada ao sendeirismo. “É moi recomendable visitar Castro Leboreiro”, subliña.    

Inscrición aberta

A inscrición realízase en liña. Os membros da comunidade universitaria poden facela desde 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior á andaina. As persoas alleas á comunidade universitaria poden inscribirse entre o martes e o xoves antes da ruta. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando por exemplo entre os 8 euros por ruta co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Cada andaina realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario. Haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio de cada ruta dende os tres campus da Universidade de Vigo.