DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario gañou por 4,5-1-5 ao Xadrez Verín na sétima xornada da Liga Galega de Xadrez

Sexta vitoria do EXP-Universidade de Vigo, que se mantén á fronte da clasificación

Líder da División de Honra, con 2,5 puntos de vantaxe sobre a USC

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 18/03/2019

O Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz continúa á fronte da clasificación da División de Honra da Liga Galega de Xadrez despois de sumar esta fin de semana a súa sexta vitoria en sete xornadas. O equipo universitario derrotaba en Pontevedra ao Xadrez Verín por 4,5-1,5 resultado que lle permite así mesmo ampliar a 2,5 puntos a súa vantaxe respecto do seu principal perseguidor na táboa clasificatoria, o equipo da USC, ao que o conxunto pontevedrés superara na anterior xornada. Así, trala disputa desta sétima rolda, o EXP-Universidade Vigo lidera a competición 29,5 puntos, seguido do USC con 27 e o Xadrez Ourense con 26.

Para sumar este novo triunfo, o equipo universitario tivo que superar a un Xadrez Verín que se presentou en Pontevedra con catro das súas fichaxes internacionais, dúas delas grandes mestres. Máis o equipo local resolveu con boa nota o seu enfrontamento na Casa da Luz, onde as maiores dificultades, explica o capitán Pablo García, presentábanse no primeiro e sexto taboleiro. No primeiro, Alberto Portela “tivo a difícil papeleta” de frear ao gran mestre David Lariño, campión de España en todas as categorías, cuxo xogo dinámico deixou a Portela nunha “situación sumamente complicada”, fronte á que foi quen de articular unha “creativa solución” que lle permitiu empatar a partida. No sexto taboleiro, pola contra, chegou a única derrota local, xa que Miguel Rodríguez non puido co gran mestre portugués Luis Galego, quen se fixo coa iniciativa da partida desde as primeiras xogadas a infrinxiu á Rodríguez a súa primeira derrota da tempada.

Mais estes dous taboleiros foron tamén os únicos nos que o equipo universitario deixou escapar algún punto, xa que a contenda completouse, nos taboleiros intermedios, coas vitorias de Daniel Rivera, Pablo García, David García e Rubén Fernández, quen, con 6,5 de 7 puntos posibles, é o máximo anotador da Liga Galega.

Ascenso de dous equipos

Cun balance de dúas vitorias, catro derrotas e tres empates para os equipos da Escola-Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo saldouse esta fin de semana a sétima xornada da Liga Galega 2019, que supuxo tamén o remate da competición na maioría dos grupos de terceira e cuarta división, entre os que destaca a vitoria e o ascenso logrado en terceira polo EXP Alexei Shirov e, en cuarta, polo EXP Casino Mercantil e Industrial.