DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo entregou os Premios ETIV-UVIGO, que acadan a súa terceira edición 

Sigamos traducindo, sigamos xogando, sigamos creando cultura desde Galicia

Nove profesionais e investigadores recibiron os galardóns nun acto celebrado en Vialia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI 02/06/2025

Coa mirada posta na profesionalización da localización de videoxogos celebrouse a III edición dos Premios ETIV-UVIGO, “un evento que se consolida como referente no sector e que serve de escaparate para o traballo da tradución de videoxogos a nivel internacional”, explica Óscar Ferreiro, organizador xunto a Ramón Méndez e Enmanuel Bourgoin dos galardóns, da iniciativa do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videxogo (ETIV), impulsado polo grupo de investigación Tradución & Paratradución da UVigo.

Mellor localización de videoxogo con dobraxe para Prince of Persia: The Lost Crown; Mellor localización de videoxogo sen dobraxe para Final Fantasy VII: Rebirth; Mellor localización de videoxogo indie para Death of the Reprobate; Mellor xogo en galego para Tintin Reporter: Os xarutos do faraón; Mellor xogo en éuscaro para Clothes Line; Mellor xogo en catalán para 3 Minutes to Midnight; Videoxogo máis accesible para Prince of Persia: The Lost Crown e Premio Manolo Ramos ao mellor traballo de investigación para José Ramón Calvo-Ferrer e Antonio Jesús Muñoz-Villena da Universitat d’Alacant, foron os galardóns que se entregaron na 3ª edición dos Premios ETIV-UVIGO, celebrado no centro comercial Vialia de Vigo. Uns premios, que segundo os organizadores do evento, “visibilizan o labor dos equipos de localización e fomentan as boas prácticas no sector”, ademais de poñer en valor a traxectoria do título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, no que se formaron máis de 150 profesionais que hoxe traballan no sector dos videoxogos, moitos deles fóra de Galicia, “o que demostra a súa proxección internacional”, aseguran os responsables da titulación.

Premios especiais e colaboracións

A entrega do Premio Manolo Ramos ao mellor traballo de investigación foi un dos momentos máis emotivos do acto, no que o docente e investigador Óscar Ferreiro destacou a figura do vicerreitor da UVigo e impulsor do ETIV, “un firme defensor da creación e implementación deste proxecto formativo pioneiro”, a quen estes premios renden homenaxe polo seu compromiso coa innovación académica e a profesionalización da tradución para a industria do videoxogo. Especial mención tamén recibiron os premios ás linguas propias que, segundo os organizadores, “reflicten o compromiso coa diversidade lingüística e cultural e buscan formentar a presenza do galego, catalán e éuscaro no ámbito dos videoxogos”.

Xunta de Galicia, Concello de Vigo e o centro comercial Vialia colaboraron coa organización do evento que rematou coa mensaxe; “sigamos traducindo, sigamos xogando e sigamos creando cultura desde Galicia”, un convite a continuar, tal e como subliña Ramón Méndez, “impulsando unha industria máis ética, inclusiva e comprometida coa calidade e a diversidade”.