DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documental de Marzo Lozano acadou o primeiro premio da sección Supernova

O silencio dun home que vive nas montañas converte un estudante de Comunicación Audiovisual nun dos gañadores do festival Curtocircuíto

A súa obra xurdiu a partir dun traballo para unha materia 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/07/2026

Como traballo práctico para unha materia do Grao en Comunicación Audiovisual, o estudante Marzo Lozano debía realizar unha curtametraxe documental de cinco minutos, que decidiu centrar nun “home de orixe alemán, que vive nas montañas de Galicia, afastado da modernidade”, explica. As gravación realizadas para este traballo académico remataron á súa vez transformándose no punto de partida de El silencio de Allen Robert Angelo, un documental de 27 minutos, que converteu este estudante da Facultade de Comunicación no gañador da sección Supernova do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto.

Centrada, como sinalan desde a organización, en “primeiros traballos que teñen fácil acceso a grandes espazos de difusión profesional”, un total de 16 obras foron seleccionadas para esta sección dun festival que ten lugar en Santiago de Compostela e que celebraba nas últimas semanas a súa vixésimo terceira edición. Esta completouse cunha gala de entrega de premios na que Lozano Ramírez recollía un galardón cunha dotación económica de 1000 euros e co que “emocioneime moitísimo”, recoñece. “Cando recibín o correo electrónico que me avisaba de que gañara, non o podía crer”, admite este estudante, que outorga un “valor enorme” a un recoñecemento que ve como unha motivación para “seguir creando” e que ensinoulle que “non fai falla ter moitos recursos par facer algo que realmente teña valor”.

Unha peza na que o silencio é protagonista 

No seu primeiro ano na facultade, tras formarse previamente no CIFP Audiovisual de Vigo, Lozano comezou a traballar neste “retrato” de Allen Robert Angelo como traballo para a materia Cine de non ficción, impartida por Diana Ramahí. “Como Allen sempre me parecera unha persoa moi interesante desde que era pequeno, decidín que el sería protagonista”, apunta, dunha peza na que buscou “gravalo da mesma forma na que víao de pequeno, observándoo en silencio”. Deste xeito naceu un “documental observacional” no que Loazno tratar de amosar “a vida sinxela” e a “profunda conexión cos animais” de Angelo. “É unha obra que observa, escoita e respecta o silencio”, o que fai que este último remate por converterse “nun coprotagonista máis da historia”, recoñece. 

Nesta mesma liña, o xurado da sección Supernova do festival compostelán destacou que Lozano foi quen nesta obra de construír “un relato íntimo e próximo atendendo aos xestos e sen concesión á inmediatez que parece dominar os discursos audiovisuais”. Tras este primeiro premio, Lozano busca agora que El silencio de Allen Robert Angelo poida ser seleccionado noutros festivais. 

Xunto ao seu documental, entre os seleccionados e seleccionadas para unha sección dedicada ao cinema emerxente galego atopábanse tamén outros traballos nacidos na Universidade de Vigo, como Oda á extinción da estudante de Belas Artes Isabella Moreno, ou Persistencia do baleiro, que Moreno realizou xunto con José García Estévez. Entre as pezas seleccionadas figura aí mesmo Unha e outra vez, da tamén alumna desta facultade Alba Amoedo; Salir do limbo, do estudante de Comunicación Audiovisual Antón Rodríguez, ou Fun abalar a pedra que está no medio do mar, do alumno de doutoramento Breogán Xague.