DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de que a Xunta de Facultade rexeitase a memoria do grao en Deseño e Creación

Silvia García presenta a súa dimisión como decana de Belas Artes

Atopábase á fronte do decanato desde 2015

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/06/2019

Despois de que a Xunta de Facultade votase en contra, hai tres semanas, da memoria da titulación do grao en Deseño e Creación que se proxectaba implantar en Belas Artes no curso 2020-2021, a decana deste centro, Silvia García, presentou este xoves á súa dimisión, que anunciou en Xunta de Facultade. “Dimito pola perda de confianza que supón non levar adiante o proxecto”, explica a profesora do Departamento de Pintura, que se atopaba á fronte do Decanato desde 2015.

“Presento a miña dimisión porque despois de anos de traballo, a memoria da titulación do grao en Deseño e Creación non foi aprobada pola Xunta de Facultade e resulta, por suposto, un fracaso persoal”, explicou García na reunión deste órgano colexiado. Con respecto á nova titulación, o reitor, Manuel Reigosa, reafirmou este mércores na sesión do Claustro Universitario celebrada en Vigo a postura da institución académica de seguir buscando o xeito de implantar o grao no campus no curso 2020-2021. 

Á espera da decisión que se adopte desde a Reitoría, García salientou que “é necesario convocar eleccións e que se presenten aquelas persoas que teñen un proxecto para a facultade”. Tras exercer previamente como coordinadora Erasmus e como vicedecana, García sucedeu ao profesor Juan Carlos Meana á fronte do Decanato en 2015 e foi reelixida en marzo do pasado ano, nunha votación á que se presentou cun equipo que completaban os docentes Begoña Paz, Marcos Dopico e Carlos Tejo como videceanos e o PAS Maximino Villaverde como secretario académico. “Cando me presentei, tiña claro que un dos meus obxectivos era pensar na facultade como comunidade e ter en conta tamén a responsabilidade social desa comunidade”, engadiu García, quen destacou desta etapa o traballo realizado para “que a facultade gañase visibilidade” e lembrou tamén que neste período “obtivemos o recoñecemento da propia cidade co premio Pontevedreses”.