DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Redegal e Imago estarán presentes no simposio internacional

O SIMO premia a dúas empresas creadas por estudantes de Enxeñaría Informática

Das 54 empresas premiadas, tres son galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 23/10/2007

Redegal e Imago, dúas empresas formadas por alumnos e ex alumnos da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense, recibiron o premio Vivero, outorgado aos xoves emprendedores con proxectos interesantes a nivel tecnolóxico.O galardón consistente nun stand gratuíto en SIMO, o simposio de informática máis importante de España, foi outorgado a 54 empresas, das que só tres son galegas.
Os galardoados, Imago e Redegal foron presentados polo director da Escola, Enrique Barreiro, coma outro dos éxitos vinculados ao I+D+i cos que o centro pretende achegar ao ámbito científico e académico á sociedade.

Redegal

Jorge Vázquez, xerente de Redegal foi o encargado de presentar un dos proxectos galardoados: unha solución informática chamada “Sketch Arm”que permite o prototipado rápido de armarios encaixados, desenrolado en colaboración co grupo de investigación da Escola Informática de Ourense dirixido por Celso Campos. A aplicación, orientada a pequenas e medianas empresas dun ámbito moi específico, non require cualificación específica e pretende representar de xeito realista calquera deseño. Grazas ao galardón, Redegal aproveitará a súa presenza en SIMO para presentar outra iniciativa máis ambiciosa: unha solución eficiente para conectar por redes inarámicas as zonas rurais empregando software libre.

Imago

Pola súa banda, Rubén Rodríguez foi o encargado de representar Imago Solucións Tecnolóxicas, unha pequena empresa dedicada á enxeñaría e software libre, creando aplicacións. Un dos seus principias produtos é Trisquel, un sistema operativo 100% libre para fogar, feito pola Comunicade de Desenroladores de Software Libre de xeito voluntario sobre o que se creou a versión para peme,s, que inclúe software para a xestión empresarial, contabilidade, facturación, finanzas e todas as aplicacións necesarias. No stand presentarase de xeito oficial a versión 1.0.
O proxecto, feito en colaboración coa Escola de Enxeñaría Informática e a Facultade de Ciencias de Ourense xurdiu a partir dun traballo da académico para permitir a docencia en software libre polo que agora tamén están a traballar nunca terceira versión, despois de fogar e empresa, enfocada á educación.

Máis iniciativas da Escola

Enrique Barreiro, tamén aproveitou a ocasión para salientar outras iniciativas coma o “Máster en Consultoría e Software libre” que se vai solicitar esta semana á Xunta para que dea comezo o vindeiro ano, a presentación en novembro dun catálogo de aplicacións de software libre para a xestión empresarial e a celebración en 2008 dun Congreso Internacional de Sistemas Informáticos.
Con todos estes proxectos, o director da Escola pretende “que a Administración Pública se decate da importancia para Galicia da formación de persoas en novas tecnoloxías e sistemas informáticos” pois como se reflicte no Plan Estratéxico, necesitaranse máis de 4.000 profesionais neste campo nos vindeiros anos. Segundo el, o problema máis grave que presenta este prognóstico é o descenso do interese dos mozos pola formación relacionada coas enxeñarías, as ciencias e a tecnoloxía en xeral, co que Europa se arrisca a “perder a carreira das tecnoloxías da información e quedar descolgada na sociedade da información por falta de alumnos”. Para contrarrestar iso, Barreiro pide que a Administración incentive o interese por estes estudios e que as empresas valoren axeitadamente aos titulados.