A actividade terá lugar este xoves na Facultade de Dereito
Un simposio fará balance de 30 anos de aplicación do Código Penal no eido ambiental
Coa participación de especialistas tanto do ámbito académico como profesional
Este ano 2025 cúmprense tres décadas da aprobación do actual Código Penal español. Tendo en conta esta efeméride, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle este xoves, día 30 de outubro, a celebración do simposio Protección penal do medio ambiente cando se cumpren 30 anos do Código Penal español (1995-2025). A actividade contará coa participación de especialistas tanto do ámbito académico como profesional para falar do pasado, presente e futuro da aplicación desta lei no eido ambiental.
O simposio está organizado pola Área de Dereito Penal da Universidade de Vigo, sendo os seus directores Virxilio Rodríguez e Javier de Vicente Remesal e os coordinadores Natalia Torres e David Castro. A iniciativa, que se desenvolverá en horario de tarde, enmárcase nas actividades do Campus Auga, sendo financiada polos fondos habilitados dende este campus de especialización acreditado e desde a Xunta de Galicia. Está aberta á comunidade universitaria e público en xeral interesado, non sendo necesaria inscrición previa.
En relación co medio ambiente, o Código Penal español, explica Virxilio Rodríguez, “supuxo un cambio relevante respecto á lexislación previa. O medio ambiente, e ligado a este os recursos naturais, pasaron a ser unha preocupación social de primeira orde”. Da man da Unión Europea, o profesor da UVigo sinala que as sucesivas reformas lexislativas afondaron na necesidade de protexer penalmente a natureza, os ecosistemas e os seres vivos. Así, lembra, "nos últimos tempos intensifícanse os delitos e penas respecto a conductas que atentan contra os animais". Neste contexto, a o simposio que se celebrará na Facultade de Dereito esta semana quere presentar “un balance de aplicación do Código Penal en relación cos delitos medioambientais ao cabo de 30 anos; expoñer o estado de cousas actual e apuntar as posibles modificacións futuras”. Para iso achegaranse ao campus de Ourense especialistas que, dende distintas perspectivas profesionais, darán a súa particular visión sobre o tema.
Dos incendios á contaminación acústica
Carmen Eiró, fiscal delegada autonómica da especialidade de Medio Ambiente e Urbanismo de Galicia, ofrecerá unha conferencia titulada Do dano ambiental ao ecocidio. Evolución dos delitos ambientais no Código Penal español (1995-2025). Nela explicará o papel da fiscalía e o día a día da persecución dos delitos contra o medio ambiente. Pola súa banda, a profesora de Dereito Penal da Universidade da Coruña Luz María Puente falará do delito ecolóxico como figura clave na protección ambiental, abordando principais problemáticas e casos relevantes, e a súa homóloga Eva María Souto centrarase no delito de incendio forestal como crime medioambiental, analizando os tipos penais e problemáticas destacadas. Por último, tamén participará no simposio Javier Lapeña, xuíz titular da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Tui n.º 1 e ex alumno da Facultade de Dereito que acolle o acto. El será o encargado de pechar a sesión cunha conferencia sobre o delito de contaminación acústica e as peculiaridades da súa instrución. Nas diferentes intervencións terá un protagonismo destacado a exposición de casos reais.
