A cita terá lugar os días 20 e 21 na Facultade de Educación e Traballo Social
Un simposio internacional abordará os retos do acompañamento socioeducativo de mocidade migrante
Coa participación de especialistas do eido académico e de entidades que traballan con este colectivo
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organiza os días 20 e 21 de novembro o simposio internacional Oportunidades e retos no acompañamento socioeducativo con adolescencia e mocidade migrante. Nel, especialistas do eido académico e tamén de entidades que traballan con estes colectivos porán en común a situación actual e perspectivas de futuro da súa atención.
A proposta, coordinada polo vicedecano da facultade Deibe Fernández Simo, quere configurar un espazo de encontro do ámbito académico e profesional no que analizar a realidade da adolescencia e da mocidade migrante dende o rigor e o coñecemento científico e analizar boas prácticas e estratexias eficaces de acompañamento neste senso. O simposio tamén quere difundir conclusións de traballos de investigación sobre a materia; divulgar as oportunidades que a presenza da infancia e da adolescencia migrante supoñen para Europa como sociedade de acollida e establecer un foro de debate sobre os retos da políticas públicas de atención á infancia migrante, ademais de evidenciar o impacto negativo dos discursos de odio nos itinerarios formativos, laborais e sociais desta adolescencia. A inscrición, de bale, está aberta ata o día 17 de novembro.
Dous días de actividade
A programación, que se desenvolverá en horario de tarde, arrancará o día 20 cunha conferencia sobre os retos na transición á vida adulta da mocidade migrante de Clara Grech, investigadora predoutoral da Universidade de Vigo, e seguirá cunha abordaxe da situación da atención á infancia e á adolescencia migrante en Galicia a cargo de Manuel Álvarez, coordinador do equipo técnico do Servizo Familia e Menores en Vigo, que será presentado por Carmen Verde, catedrática de Traballo Social da UVigo.
Xa o día 21 haberá unha palestra na que se exporán diferentes perspectivas da acción socioeducativa con mocidade migrante, moderada por Laura Ruíz (Universidade de Vigo). A educadora social Pilar Ramallal falará dos retos do acompañamento socioeducativo no sistema de protección galego con mocidade migrante, e Edgar Campos, da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viseu, da intervención con migrantes en Portugal. Ademais, a educadora social en Alemaña Carolina Borges intervirá sobre perspectivas da acción socioeducativa con alumnado migrante no sistema educativo alemán, e Dario Gomes, educador social en Portugal, sobre a acción socioeducativa de alumnado vulnerable na escola do seu país. A sesión rematará cunha intervención sobre os retos das políticas socias na atención ás persoas migrantes ofrecida por Xosé Cuns, da oenegué European Anti Poverty Network (EAPN).
