DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondaron no campus na intervención con poboación maior considerada fráxil

Un síndrome que afecta ao 40% dos maiores e que pode combaterse con actividade física

A iniciativa enmárcase nas actividades da rede Frailnet

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/09/2018

Expertos e expertas procedentes de diferentes universidades españolas e portuguesas afondaron este venres na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nos efectos na actividade física na poboación maior e nos seus beneficios á hora de previr un deterioro tanto físico como cognitivo. Fixérono no marco das xornadas Actividade física e fraxilidade, que se insiren nas actividades da rede Frailnet, que pon o foco da súa investigación na fraxilidade, concepto que fai referencia a unha “situación de vulnerabilidade” previa á enfermidade, a discapacidade ou a dependencia, e que constitúe un síndrome “que afecta ata o 40% das persoas maiores de 65 anos”, como explicou o coordinador desta rede de investigación, o profesor da Universidade da Coruña José Carlos Millán.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, e o investigador principal do grupo Healthyfit e presidente do comité organizador das xornadas, José María Cancela, acompañaron a Millán Calenti na inauguración dunhas xornadas nas que se puxeron sobre a mesa diferentes investigacións que constatan os beneficios, tanto a nivel físico como cognitivo e social, da actividade física na poboación maior. Pese a iso, lembrou Millán, as “porcentaxes de sedentarismo” sitúanse no 34% nas persoas de entre 65 e 74 anos, nun 56% nos homes e mulleres de entre 75 e 84 e en máis dun 75% nos maiores de 85. “Un dos maiores avances científicos da humanidade foi conseguir alongar a esperanza de vida, agora temos que fixarnos máis na calidade, no xeito en que chegamos a esas idades tan lonxevas e, sen dúbida, a actividade física é unha ferramenta moi útil”, salientou Marta Míguez respecto do eixo dunhas xornadas que reuniron no campus a preto de 70 especialistas e profesionais do ámbito da xeriatría e a xerontoloxía, como explicou Cancela. “Este tipo de estudos son para nós fundamentais, porque visiblizan moi ben aos maiores e as súas problemáticas”, engadiu Jorge Soto, quen puxo tamén o acento na importancia das redes de investigación como Frailnet, que reúne a investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, así como no feito de que a poboación maior “é fundamental para entender a universidade hoxe en día”.

Da dependencia á fraxilidade 

Os grupos de investigación en Xerontoloxía da UDC e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, en Diagnóstico Condutual e Molecular Aplicado á Saúde, tamén da UDC, Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía e Dependencia e Xerontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Healthyfit, son os cinco socios fundadores de Frailnet, unha rede que centra as súas investigacións “nun tema moi de actualidade dentro da xeriatría”, como é a fraxilidade. “Ata agora, falabamos da dependencia, pero a fraxilidade é un estado de vulnerabilidade que pode ser reversible”, salientou Millán respecto dun síndrome “multidimensional”, xa que existe “fraxilidade cognitiva, fraxilidade social, fraxilidade física...” Nese senso, un dos obxectivos desta rede é tratar de “testar cales son os programas ideais” para tentar previr, retardar ou reverter ese estado de vulnerabilidade. Neste punto, o coordinador da rede puxo o acento na “perda de masa muscular” como un dos efectos do proceso de envellecemento, fronte ao que “hai dúas vías de intervención”, unha centrada na nutrición e outra na actividade física. “Neste senso, a actividade que resultou máis efectiva é a actividade física multicompoñente, é dicir, non traballar só en aspectos aeróbicos, senón tamén a forza, a resistencia, a elasticidade, a flexibilidade”, engadiu Millán Calenti respecto do que foi un dos contidos abordados da mesa de debate que pechou a xornada, e no que se presentaron algúns dos resultados do programa de intervención con “máquinas intelixentes”, capaces de adaptar os exercicios ao suxeito, que se vén desenvolvendo no seo desta rede.

Beneficios físicos, cognitivos e sociais

Previamente, o investigador da Universidade do Porto Jorge Mota, abriu as xornadas cunha conferencia na que afondou nos beneficios do exercicio físico fronte á fraxilidade cognitiva, na que incidiu en que, máis aló das melloras fisiolóxicas, a actividade física repercute tamén nos aspectos cognitivos, incluíndo tamén un “punto de vista social”, xa que pode implicar “melloras de estados depresivos que son tamén un motivo de incapacidade”. 

Nos beneficios cognitivos e sociais afondou así mesmo o investigador da Universidade do País Vasco Jon Irastuza, quen abordou, no segundo relatorio, algunhas das liñas de traballo do seu grupo de investigación, AgeingOn. “O noso obxectivo final é que o envellecemento non só sexa saudable, senón tamén estimulante, e para iso a nosa principal ferramenta é o exercicio físico visto dunha maneira holística”, salientou este investigador, que resaltou a necesidade de afondar en cuestións como “que é o que fai que a xente faga ou non actividade física” ou no traballo que proxectan con persoas que coidadoras de maiores, “formándoas e apoiándoas con plans de exercicio físico adaptados, para que poidan facer mellor o seu traballo”. Así mesmo, Irastuza abordou tamén o traballo que desenvolven en centros hospitalarios e de atención ás persoas maiores de Euskadi, entre os que “os resultados máis relevantes” foron os acadados cun plan de exercicio físico en xeriátricos, “que resultou ser moi beneficioso a nivel físico”, contribuíndo a que recuperase a súa autonomía “xente que non se podía levantar” previamente, “pero tamén melloras cognitivas, psicolóxicas e nunha menor percepción de soidade”.