DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o mércores e ata o domingo competiu na Formula Student UK-Artificial Intelligence

O sistema de condución autónoma de Auria Technologies cumpre os seus obxectivos en Silverstone

O modelo deseñado con IA por 40 estudantes do campus acadou o posto 12

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/07/2026

Coa satisfacción de ter dado o mellor de si mesmos, da aprendizaxe adquirida e de ver os obxectivos cumpridos, o equipo da Universidade de Vigo Auria Technologies, formado por case 40 estudantes de diferentes titulacións do campus de Ourense, rematou este domingo a súa participación na Formula Student UK-Artificial Intelligence (FSUK-AI), que se celebrou desde o mércores no circuíto de Silverstone, en Reino Unido. Alí puxeron a proba, competindo con 38 universidades de diferentes partes do mundo, a súa proposta de condución autónoma de coches eléctricos aplicando intelixencia artificial.

O equipo da UVigo foi o único representante galego nesta competición internacional. O seu sistema de condución presentado foi froito do traballo de estudantes das titulacións de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática (ambas da Escola Superior de Enxeñaría Informática); Enxeñaría Aeroespacial (da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo) e de Turismo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo). A iniciativa contou co apoio da Xunta de Galicia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Universidade de Vigo, o Cesga, IPG, OnShape, Aerolab e o Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial. 18 dos membros do equipo desprazáronse a Reino Unido para participar no certame. 

Posto 12 na clasificación xeral

O reto que propón a FSUK-AI ao alumnado é deseñar, programar e facer competir un coche autónomo sen condutor, 100% xestionado mediante intelixencia artificial. Nesta modalidade os equipos non fabrican os vehículos, xa que o coche base proporciónao a organización e a partir de aí, sinalan desde Auria, “nós traballamos sobre distintos aspectos como o desenvolvemento do software, a electrónica e tamén unha plataforma física de sensores que se incorpora ao vehículo da competición”. En Reino Unido participaron 38 equipos de universidades de diferentes partes do mundo, tendo que superar dous tipos de probas. As primeiras foron probas estáticas, nas que se avaliou o traballo teórico e de enxeñaría (o deseño do sistema autónomo, o plan de negocio e a aplicación real da condución autónoma), tendo que xustificarse as decisións técnicas e o potencial real do sistema. A segunda fase de probas foron as dinámicas (en pista), similares ás de Formula Student tradicional pero sen piloto, e consistiron en acelerar en liña recta, curvas en forma de 8, volta rápida en circuíto e proba longa de resistencia. 

“O equipo completou a súa participación na competición acadando o mellor resultado da súa historia, cun top 12 na clasificación xeral e un total de 358 puntos”, sinalan desde Auria Technologies. Entre os resultados máis destacados, citan ter acadado un top 4 na proba estática de Real World AI, un top 10 en Simulation e un top 10 en Autonomous System Design. Ademais, engaden, “o equipo sumou 70 puntos máis nas probas estáticas con respecto á pasada tempada, consolidando o alto nivel técnico do proxecto”. Outro dos grandes fitos desta edición foi, indican, conseguir “por primeira vez na historia do equipo, completar dúas das dez voltas da proba de resistencia, un importante avance no desenvolvemento e na fiabilidade do vehículo autónomo”. O alumnado da UVigo foi afrontando cada día de competición “traballando para converter cada desafío nunha mellora e cada incidencia como unha oportunidade para aprender”. Foron, apuntan, días moi intensos e especiais “nos que todo o traballo realizado durante estes meses puido verse reflexado” e que remataron coa satisfacción de ter acadado os obxectivos previstos.

Continuar consolidándose e medrando

O sistema de condución autónoma con IA de coches eléctricos proposto por Auria Technologies é o resultado do traballo desenvolvido ao longo do curso polos seus membros, organizados en diferentes departamentos. Esta foi a segunda ocasión na que Auria Technologies competiu en FSUK-AI. O ano pasado fíxoo por primeira vez, alcanzando a 19ª posición na clasificación final. Más alá do resultado concreto, en cada competición o equipo busca continuar consolidándose e medrando, tendo como principal reto a formación do seu alumnado ao longo do curso mediante a participación nun proxecto aplicado e real deste tipo. “Somos unha asociación estudantil sen ánimo de lucro nacida en Galicia cunha misión clara: fomentar o talento novo en intelixencia artificial. O noso equipo está formado por estudantes universitarios con formación técnica que, ademais de estudar, dedicamos o noso tempo a desenvolver proxectos de software impulsado por intelixencia artificial que teñan un impacto real, que poidan ter unha utilidade día a día na sociedade”, lembran desde Auria Technologies.