DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na conferencia “Novo Plan Xeral Contable”

Un sistema específico para as pemes e un cambio na orde dos contidos, principais novidades do Plan Contable

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 11/01/2008

O novo Plan Xeral Contable (PGC 2008) que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro xa non será un problema para aqueles que asistiron á conferencia organizada pola vicerreitoría do campus de Pontevedra coa finalidade de estudar todas as novidades que presenta este sistema. Na Casa das Campás e da man do profesor da Universidade de Vigo, Francisco López Corrales, varios profesionais do sector da economía analizaron os entramados do novo plan que está afectando a todas as empresas españolas.
Segundo explicou López Corrales, “un dos principais cambios é que agora existe un sistema específico para as pemes”, ademais engadiu que “tamén supón un importante gasto para as compañías, que se ven obrigadas a adquirir novos equipos informáticos e investir na formación do seu persoal”.
Ao longo da conferencia, o profesor, que imparte clases na titulación de Xestión e Administración Pública, explicou paso a paso todas as diferenzas que existen ao comparar o antigo sistema co novo. Sendo similar a estrutura de ambos plans, hai un cambio no orden dos contidos que responde simplemente á conveniencia de colocar a materia de maior contido substantivo nas tres primeiras partes, que son de aplicación obrigatoria, reservando as últimas para as propostas cun contido amplo de aplicación voluntaria.

Temas tratados

Tendo en conta as modificacións que presenta o novo Plan Xeral Contable, o profesor Francisco López Corrales dividiu a conferencia en función da nova estrutura do sistema de contabilidade. Deste xeito, os temas que se trataron foron o marco conceptual, as normas de rexistro e valoración, as contas anuais, o cadro de contas e finalmente as definicións e relacións contables.
A conferencia contou coa presenza da directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes e organizadora do evento, Ana Belén Fernández Souto, quen amosou o interese da vicerreitoría en desenvolver actos desta índole que axuden tanto aos expertos, como aos alumnos a mellorar no seu ámbito profesional.