DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está sendo desenvolvido no marco do proxecto estatal RIIM

O sistema de mantemento preditivo de vías férreas da UVigo e Copasa comeza a pórse a proba

Valídanse os seus avances nunha vía de proba instalada no campus e en vías de mantemento de O Irixo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 05/12/2022

A Universidade de Vigo e Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, están a desenvolver o proxecto Railway Inspection and Information Model (RIIM). Nel, traballan na mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas empregando sistemas ópticos de última xeración e algoritmos para o tratamento automático de información xeoespacial. Cando se cumpre un ano da súa posta en marcha, as e os investigadores están validando nunha vía de proba instalada no campus e en vías dunha base de mantemento de O Irixo os avances feitos no sistema que están a desenvolver.

RIIM arrancou en 2021 e prolongarase ata setembro de 2024, contando con financiamento das Liñas Estratéxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación (Axencia Estatal de Investigación) e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGeneration Unión Europea. Por parte da Universidade de Vigo participa o Grupo de Enxeñaría Física, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O investigador principal da iniciativa é o profesor Higinio González e nel participan tamén os profesores e investigadores da UVigo Humberto Michinel, José Ramón Salgueiro, Ángel Paredes, Daniele Tomassini, Iván Area, Ricardo Bendaña e Luis Miguel González.

“O proxecto, no que colabora a empresa Copasa e a UVigo a través do Instituto de Investigación en Física en Ciencia Aeroespacial, remata o seu primeiro ano de traballo con avances salientables”, subliña Higinio González. Segundo detalla o investigador, os principais desenvolvementos realizados ata o de agora centráronse “na construción dun carro de vía instrumentado con sensores de imaxe e sensores LiDAR para a obtención de imaxes dixitais e modelos 3D da infraestrutura ferroviaria de forma sinxela e económica”. Este sistema, detalla, está sendo validado coa realización das primeiras probas de campo, que teñen como escenarios tanto unha vía de probas instalada no campus de Ourense como vías da base de mantemento das que dispón Copasa en O Irixo ( O Carballiño). Ademais, explica o responsable do proxecto, “tamén se desenvolveron e validaron algoritmos de procesamento de imaxe para automatizar o proceso de detección dos clips da vía e coñecer o seu estado.

Liñas de traballo

O obxectivo xeral do proxecto RIIM consiste en “contribuír á mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas, concretamente as relacionadas coa detección de fisuras nas travesas, a detección do estado das suxeicións do carril e do estado do balastro”. A súa finalidade é obter un prototipo de sistema de inspección que contribúa a mellorar o mantemento preditivo dunha vía férrea mediante algoritmos avanzados para o tratamento de información procedente de sensores ópticos. Trátase da  primeira colaboración do equipo da UVigo participante con Copasa, empresa que, subliñan, está recoñecida a nivel internacional pola súa capacidade para construír grandes proxectos de infraestruturas, como o AVE do deserto entre La Meca e Medina, sendo non só construtura deste tipo de liñas senón tamén mantedora delas.

Entre as liñas de traballo do proxecto están a definición dos requisitos dun sistema de inspección óptica abordo de dresinas ferroviarias para a inspección dos elementos da vía (como as travesas, os pernos de fixación do carril e o balastro) e o deseño dun sistema de inspección óptico, mecánico, eléctrico e lóxico que poida ser montado nun sistema tipo dresina para inspeccionar os elementos da vía, como os xa citados de travesas, pernos de fixación do carril e balastro. A iniciativa tamén abrangue o deseño, desenvolvemento e validación de varios conxuntos de algoritmos. Un grupo deles estará destinado a detectar as fisuras das travesas, clasificalas, determinar a súa localización xeoespacial e parametrizar a súa evolución e necesidades de mantemento. Un segundo grupo de algoritmos terá como función detectar a existencia ou non dos pernos de suxeición do carril ás travesas, localizados xeoespacialmente, parametrizando a evolución do seu comportamento e as necesidades de mantemento derivadas dos mesmos. Por último, un terceiro grupo de algoritmos terá como obxectivo “detectar o estado do balastro na superestrutura dunha vía e comparar automaticamente o seu estado respecto a unha situación anterior, sempre compatible con software xeoespacial, predicindo ademais o seu comportamento futuro e as necesidades de mantemento”.