DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase este venres e sábado na Facultade de Económicas

Sistemas de votación e problemas derivados da elaboración de listas, a estudo no 4ºcongreso da Rede Española en Elección Social

Organizado polo grupo de investigación RGEA

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/11/2007
Unha cincuentena de expertos chegados maioritariamente de universidades españolas participarán este venres e sábado na facultade Ciencias Económicas e Empresarias no 4º congreso da Rede Española en Elección Social, organizado polo grupo de investigación RGEA, Research Group in Economic Analysis, da Universidade de Vigo.
Anteriormente celebrado en Sevilla, Girona e Valladolid, o congreso chega na súa cuarta edición a Vigo cun programa de relatorios centrados na elección social e máis concretamente en cuestións como os sistemas de votación, o reparto de custes ou os problemas derivados da elaboración de listas.
A catedrática de Fundamentos de Análise Económico da Universitat d´Alacant, Carmen Herrero, será a encargada de abrir o congreso cunha intervención sobre o xeito correcto de dirixir listas de espera. Xunto á que fora conselleira da Secretaría Xeral de Política Científica e Tecnolóxica do Ministerio de Educación e Ciencia, intervirán nas sesións, representantes das universidades doutras universidades españolas e estranxeiras como Marc Vorsatz, Antonio Romero-Medina, Amparo Mármol, Jordi Massó ou Joaquín Sánchez.

Aplicacións da elección social

A toma de decisións colectivas a partir das preferencias dos individuos que conforman unha sociedade, é o obxecto de estudo da teoría da elección social, que ten, como afirma desde o comité organizador do congreso, Gustavo Bergantiños “claras aplicacións prácticas en cuestións como o deseño de regras de votación. Algo que quedou de manifesto, por exemplo, no Tratado de Lisboa , adoptado polos líderes da UE, que contempla a futura entrada en vigor dun reparto de poder baseado no sistema de votación por dobre maioría dun 55% dos estados e un 65% da poboación”.
Outro feito que recentemente puxo de actualidade a teoría da elección social, foi a concesión do Premio Nobel de Economía aos estadounidenses Hurwicz, Maskin y Myerson pola súa contribución a identificar mecanismos matemáticos aplicables ao funcionamento dos mercados.

O traballo do RGEA

Máis alá do esforzo que supón a organización do congreso, Gustavo Bergantiños valora “a repercusión social e promoción que supón para nós”. O grupo de investigación Research Group in Economic Analysis, RGEA, conta, segundo Bergantiños conta co recoñecemento de entidades como por exemplo a Xunta de Galicia, coa que teñen colaborado, por exemplo, en relación ao expediente da Comisión Europea sobre posibles axudas ilegais concedidas ás eléctricas.
Os membros do grupo ocúpanse de diversas áreas da análise económica ao tempo de participan de diversos proxectos impulsados polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, a Xunta de Galicia, así como outras institucións públicas e privadas.