O UM24 foi segundo en Skid Pad e terceiro en Acceleration
"Sobresaínte" cuarto posto para a escudaría UVigo Motorsport en Assen
Os integrantes do equipo vigués aseguran sentirse "sorprendidos" e "alegres"
Rematou o debut do UM24 na primeira das tres competicións que a escudaría UVigo Motorsport enfrontará esta tempada e fíxoo cun 4º posto, sustentado, en boa parte, na 2ª e 3ª posicións, acadadas nas probas de Skid Pad e Acceleration, respectivamente. “O que fai este logro aínda máis especial é que, honestamente, non esperabamos resultados tan sobresaíntes. A sorpresa e alegría que sentimos son testemuña do esforzo e dedicación que cada membro do equipo puxo”, aseguran os 25 membros da escudaría que viaxaron a semana pasada a localidade holandesa de Assen e que consideran que “este éxito inesperado non só valida o noso traballo duro, senón que tamén nos impulsa a seguir adiante con máis motivación”.
Entre o 13 e o 18 de xuño, o UM24 participou en todas as probas estáticas e dinámicas da Formula Student Netherlands, enfrontándose a outras sete escudarías europeas, dúas delas españolas, a UC3M Madrid, da Universidad Carlos III e a UPC Manresa da Universitat Politècnica de Catalunya. “Estamos encantados co ambiente excepcional que vivimos durante a competición. A camaradería entre os equipos españois e o resto dos participantes creou unha atmosfera vibrante e colaborativa, que enriqueceron a experiencia de todos nós”, aseguran desde Assen os e as integrantes de UVigo Motorsport, que tamén recoñecen o gran nivel dos participantes. “O nivel de competencia e o know-how amosado polos distintos equipos deixáronnos impresionados. Cada equipo achegou unha profunda experiencia e coñecementos técnicos que fixeron da competición unha lección que non se pode valorar en termos de estratexia e execución”.
Desenvolvemento das probas do Formula Student Netherlands
Foi nas probas dinámicas nas que o UM24 acadou os mellores resultados nesta edición do Formula Student Netherlands. En Skid Pad, proba en 8 na que se valoran aspectos como a adherencia dos pneumáticos, a sobreviraxe e outras dinámicas de manexo, o UM24 logrou o seu mellor resultado, “un espectacular”, sinalan os e as integrantes da escudaría da UVigo, 2º posto, con 5,7895 segundos, grazas ao desempeño do vehículo e á habilidade dos pilotos. O segundo mellor resultado foi o acadado na proba de Acceleration, na que no segundo intento, o UVigo Motorsport asegurou “un impresionante”, valoran, 3º posto cun tempo de 4,733 segundos. Pola súa banda, na Endurance, a proba na que dous pilotos teñen que percorrer 11 quilómetros cada un a un circuíto no mínimo tempo posible, a escudaría viguesa foi descualificada, despois que os xuíces observaran, unha vez rematada a proba, a perda de aceite do monopraza.
En canto ás probas estáticas, foi no Engineering Design Event, no que o equipo ten que xustificar tecnicamente os distintos compoñentes do monopraza, na que o equipo vigués logrou o seu mellor resultado, un 4º posto con 76 puntos. Igual resultado, 4º posto, por primeira vez na historia do equipo, conseguiu a escudaría da UVigo no Cost&Manufacturing Event, no que tiveron que elaborar un sistema de custos de fabricación do monopraza. Pola súa banda, no Business Plan, proba na que deben desenvolver un proxecto de negocio do coche ou das súas pezas, describindo todas fases, desde o seu desenvolvemento e produción, ata o plan financeiro e de ventas, acadaron 38 puntos e o 8º posto. “En todas as probas estáticas, logramos o noso obxectivo de superar as puntuacións de anos anteriores, algo do que estamos realmente orgullosos”, asegura o equipo.
E mentres, en Reino Unido ….
Mentres os e as integrantes de UVigo Motorsport que viaxaron aos Países Baixos xa remataron a súa participación no Formula Student Netherlands, en Reino Unido o equipo autónomo prosigue coa súa participación nas probas que se están a desenvolver no circuíto de Silverstone ata o domingo 21. A escudaría viguesa está a medirse con outros 20 equipos, na súa maior parte británicos, así como exipcios, franceses, un indio e outros dous españois, da Universidade do País Vasco e da Politécnica de Madrid. “En Silverstone, pasamos as Statics Inspections. A maiores as probas estáticas de ADR, Simulation e Real World AI xa foron presentadas. ”, explican as e os integrantes da escudaría desde Reino Unido, onde o ano pasado o UM23 acadou o 10º posto na competición.
O coche de combustión, unha vez rematada a súa participación en Assen, competirá entre os días 1 e 7 de agosto en Montmeló, onde intentarán superar o 6º posto conseguido na edición de Formula Student Spain celebrada pasado ano.