DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A egresada Elena Álvarez acadou o galardón ao mellor traballo de fin de grao

A Sociedad Española de Ciencias Forestales premia un estudo sobre a detección de especies invasoras realizado na UVigo

Centrado no desenvolvemento dunha metodoloxía para localizar mimosas con técnicas cartográficas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 04/07/2022

Tecnologías cartográficas para la detección y monitorización de la especie Acacia dealbata en el municipio de Ribadavia (Ourense) é o título do traballo polo que a egresada da Escola de Enxeñaría Forestal Elena Álvarez foi recoñecida co galardón ao mellor traballo fin de grao (TFG) nos premios universitarios da Sociedad Española de Ciencias Forestales (SECF). Titorizado pola profesora Julia Armesto, este traballo tivo como resultado a xeración dunha “metodoloxía replicable” que permita detectar e coñecer o grao de expansión dunha especie exótica invasora como a mimosa a partir dos datos existentes en fontes cartográficas oficiais. 

“Considero que é fundamental promover medidas de control das especies exóticas invasoras, que supoñen unha degradación crecente da estrutura funcional dos ecosistemas”, salienta Álvarez Antelo, que incide no “impacto ecolóxico, social e económico” que supón a expansión destas especies. De aí que esta enxeñeira forestal poña o foco en que “poder monitorizar de forma pormenorizada a presenza e o avance destas especies é un paso máis de cara ao seu control e a mitigación do seu impacto”. 

Unha metodoloxía que permite estudar a súa evolución

Como explica Álvarez, o TFG premiado tiña como obxecto “a obtención dunha cartografía cunha precisión espacial máis elevada da presenza da especie que a que actualmente está á nosa disposición”. Con ese obxectivo, o seu traballo comprendeu, por unha banda, a xeración dunha metodoloxía de análise a través do uso de imaxes multiespectrais e dun software baseado en Sistemas de Información Xeográfica. Por outra, o estudo permitiu tamén verificar que as fontes cartográficas oficiais gratuítas, concretamente a combinación das imaxes tomadas polo satélite Sentinel-2 da Axencia Espacial Europea cos datos tomados con tecnoloxía LiDAR no Plan Nacional de Ortografía Aérea, “son útiles para a detección da especie e o estudo da súa distribución espacial” nun municipio.

De feito, Álvarez levou a cabo unha análise temporal da evolución das masas de mimosa no municipio ourensán de Ribadavia entre os anos 2017 e 2021, “obtendo como resultado que a expansión da Acacia dealbata segue unha tendencia lineal crecente”. Este crecemento, explica, está “moi ligado” aos cambios nos ecosistemas derivados da acción humana, como os producidos por cortas de árbores, a execución de labores de prevención de incendios como rozas nas faixas de xestión de biomasa ou a xestión de matos ou arborado situado baixo tendidos eléctricos, “sen esquecer os lumes, que en moitos casos crean un novo nicho ecolóxico que é rapidamente colonizado pola acacia”, subliña.

Un recoñecemento que pon en valor ao alumnado da EE Forestal

Como “unha gran sorpresa” e un “aliciente para seguir traballando e investigando” recibía Álvarez Antelo este galardón, entregado no marco do Congreso Forestal Español que se desenvolveu en Lleida nos últimos días. Nese senso, a xa titulada, que actualmente traballa nun consultora forestal, recoñécese “moi contenta e tremendamente agradecida” por un premio “moi positivo a nivel laboral, xa que dalgunha maneira pon de manifesto certas habilidades e competencias”, como serían neste caso o manexo de ferramentas cartográficas e sistemas de información xeográfica. Mais, ao mesmo tempo, esta titulada pon tamén o foco en que non é a primeira vez que o traballo dun titulado ou titulada da EE Forestal é recoñecido nos premios da SECF, aos que concorren, como lembra, estudantes de toda España, “o que pon de manifesto, ao meu parecer, a boa preparación e o interese dos estudantes de Enxeñaría Forestal da UVigo”. De feito, na edición de 2019, a SECF outorgou un accésit á egresada da escola Nerea Mallo, polo seu traballo A viaxe da vecería: efectos transxeneracionais na proxenie de Pinus pinaster.