A tese de doutoramento de Laura Alonso acadou un accésit nos Premios Universitarios da SECF
A Sociedad Española de Ciencias Forestales recoñece a metodoloxía para caracterizar o monte galego deseñada na UVigo
Adaptada ao minifundismo e aos cambios que implican cortas ou incendios
A pesar de que o uso de sensores remotos para obter información sobre os recursos forestais presentes nunha determinada zona é unha práctica estendida, existen, como recoñece a investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal Laura Alonso, “poucas solucións para a súa aplicación en paisaxes forestais dinámicas”, como as de Galicia, que se definen tanto polo minifundismo como por estar suxeitas a constantes cambios. Deseñar unha metodoloxía que permita “caracterizar automaticamente” superficies forestais como os montes galegos, a partir de imaxes por satélite, foi o obxectivo central da tese de doutoramento de Alonso, recoñecida este martes cun accésit nos Premios Universitarios da Sociedad Española de Ciencias Forestales (SECF).
A sede do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (Inia), en Madrid, acolleu nesta xornada o acto de entrega dos galardóns que a SECF outorga cada ano ás mellores teses e traballos de fin de grao e mestrado. “O premio faime moita ilusión”, recoñece Alonso, quen sinala que se trata dun recoñecemento “totalmente compartido” cos directores da súa tese, Julia Armesto e Juan Picos, que recollían no seu nome esta distinción. “Significa un recoñecemento ao traballo realizado e unha confirmación da valía das nosas investigacións, xa que a SECF é unha asociación que engloba grandes expertos en materia forestal”, engade esta investigadora, que a finais de 2023 defendía na escola pontevedresa a súa tese Desarrollo de nuevos métodos para la caracterización y gestión del patrimonio forestal mediante teledetección.
Traballar cunha escala pequena e cambiante
Centrada no desenvolvemento de metodoloxías que permitan mellorar a obtención de información sobre os recursos forestais nesas “paisaxes forestais dinámicas”, a investigación de Alonso baseouse no traballo con imaxes do satélite Sentinel-2, da Axencia Espacial Europea, unha fonte de información de acceso aberto “que ten unha gran resolución temporal e unha resolución espacial relativamente grande”. Estes factores, recoñece, foron “clave” para o deseño dunha metodoloxía orientada a superficies como os montes galegos, marcadas polo minifundismo, pola presenza de “especies de crecemento rápido” ou por un alto volume de cortas de madeira, así como tamén pola “abundancia de perturbacións” como os incendios. “Todo isto fai que cando intentamos caracterizar a superficie forestal, teñamos que buscar cousas moi pequenas, que están suxeitas a cambios continuos”, recoñece Alonso,
Nese senso, a metodoloxía desenvolta permite “caracterizar automaticamente as principais cubertas forestais de Galicia”, identificando a presenza de coníferas, eucaliptos, outras árbores frondosas ou matogueiras, así como “detectar os cambios”, a través dunha “continua actualización”.
Unha metodoloxía empregada no Inventario Forestal Continuo
Os traballos desenvolvidos foron tamén unha das bases da metodoloxía deseñada na escola para o “mapa de coberturas” do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Resultado dun convenio entre a Xunta de Galicia e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, este proxecto levou ao desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar, de forma automatizada, diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite e desde a EE Forestal xerouse tanto unha cartografía forestal de Galicia de alta resolución, como outra de media resolución, que fai posible actualizar anualmente este inventario.
Ademais de afondar en como poderían levarse a cabo eses “mapas de coberturas xerais”, a investigación de Alonso abrangueu tamén o deseño de metodoloxías “para caracterizar as masas con maior detalle”, que permitisen a detección automática de tipos ou especies de árbores. “Traballouse no cartografado e caracterización de masas de castiñeiro, diferenciación de especies de coníferas, diferenciación de especies de eucalipto e caracterización de masas de eucalipto”, explica. Tamén no marco da súa tese, Alonso estudou as oportunidades que podería supor contar cun “mapa de usos do solo actualizado” á hora de “intentar comprender o comportamento dos incendios e crear mapas de combustible actualizados”. De feito, as súas investigacións tiveron tamén aplicacións no proxecto europeo Firepoctep, que tiña entre os seus obxectivos centrais a detección de áreas estratéxicas de xestión para a prevención de incendios forestais.