DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de captación celebrada este martes

Sociedad Textil Lonia busca talento entre o alumnado do campus

A iniciativa dá continuidade a outra organizada no campus de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Ourense 10/03/2020

Despois de celebrarse o pasado 3 de marzo no campus de Vigo, o campus de Ourense acolleu este martes a xornada de  recrutamento de talento de Sociedad Textil Lonia, responsable de marcas como Purificación García e CH Carolina Herrera. Case unha vintena de estudantes tiveron a oportunidade de darse a coñecer e coñecer eles mesmos como traballa a entidade, que conta con tendas en máis de 50 países e un cadro de persoal de máis de 2500 empregadas e empregados.

A través da iniciativa STL Take Off e coa colaboración da Área de Emprego da Universidade de Vigo, a entidade achegouse ao campus de Ourense en busca de universitarias e universitarios que acheguen “talento e paixón” á súa firma e estean interesados en “medrar e mellorar” ao seu carón. Segundo explicaron desde a departamento de Recursos Humanos da compañía, esta é a cuarta xornada de recrutamento que organiza Sociedad Textil Lonia. “Este ano fixémola nos dous campus, no de Ourense e Vigo, para chegar a diferentes profesionais perfís. En Vigo atopámonos con perfís máis tecnolóxicos e de enxeñarías e aquí en Ourense perfís principalmente de Administración e Dirección de Empresas, algún enxeñeiro informático e algunha persoa de Deseño de Moda”, indicaron desde a empresa.

O obxectivo da xornada, sinalaron desde Sociedad Textil Lonia, foi “coñecérmonos polas dúas partes”. Así, detallaron, trataríase por unha banda de que o alumnado participante puidese ver o “abanico de oportunidades brutal, non só no eido do deseño, que hai dentro da nosa empresa” e por outra banda, que a propia compañía captase “talento novo, que está a piques de comezar a súa carreira profesional”. “Estamos en pleno crecemento e precisamos mans que nos axuden e cremos que o mellor sitio para buscalas é na casa”, comentaron desde o departamento de Recursos Humanos de Sociedad Textil Lonia. Para acadar este obxectivo, a xornada contou con diferentes dinámicas individuais e grupais nas que se buscou por unha banda que a empresa vise o potencial das e dos participantes e por outra que as e os estudantes “tivesen unha experiencia positiva”. A finalidade destas xornadas de captación de talento é cubrir posicións prácticas en media ducia de áreas estratéxicas da compañía con alumnado que se incorporaría a través dun formato Feuga cun contrato inicial de seis meses prorrogables outros seis.