DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por unha tese defendida na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A Sociedade Española de Mecánica de Rochas premia a unha investigadora viguesa

O traballo defende o deseño de muros de contención con perpiaño de granito tradicionais de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/07/2018

A Sociedade Española de Mecánica de Rochas acaba de entregar os seus premios anuais e, entre eles, distinguiu cunha mención honorífica ao mellor traballo de investigación de investigadores novos a tese de doutoramento Deseño de muros tradicionais de contención de granito en seco realizada pola investigadora María Veiga e dirixida polo profesor Leandro Alejano, do grupo de investigación Explotación de Minas da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

“Para min recibir esta mención é unha satisfacción grande, pois valora un traballo ao que lle dediquei varios anos, ademais, se ese recoñecemento vén dunha entidade de ámbito nacional e do prestixio da SEMR, aínda máis”, explica a investigadora, quen, tras traballar na empresa privada, acaba de rematar o Máster en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, xa que “no futuro me gustaría dedicarme profesionalmente ao mundo da docencia”.

No traballo premiado pola SEMR Veiga presenta diferentes métodos de cálculo, ata o momento inexistentes, para o deseño de muros de contención con perpiaño de granito seguindo o sistema de construción tradicional de Galicia, “algo moi útil e moi entroncado coa tradición galega”, recalca a autora. A maiores, na súa investigación a investigadora tamén analiza como o impacto visual deste tipo de construcións é moito máis baixo ca os realizados en formigón ou outros materiais, “polo que a integración paisaxística dos mesmos é excelente, o que implica  que as empresas construtoras deberían optar sempre que fose posible por este tipo de solucións”.