DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática foron os encargados da súa creación

Software de a bordo ourensán para o picosatélite XaTcobeo

Baixo a dirección do investigador Arno Formella, do Laboratorio de Informática Aplicada

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 07/02/2012

A Universidade de Vigo agarda con moita expectación o lanzamento o 13 de febreiro do picosatélite XaTcobeo a bordo da lanzadeira europea Vega dende a Güiana Francesa. Esta expectación é compartida dun xeito moi especial desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. O seu Laboratorio de Informática Aplicada foi o encargado, coa participación de seis estudantes do centro, de deseñar e crear as chamadas capas altas do software deste CubeSat 1U. Co traballo xa rematado e “sen ningún fallo coñecido”, como lles gusta dicir por cautela técnica, estudantes e docentes desexan canto antes mirar ao ceo coa satisfacción de saber que eles, como parte dos 60 alumnos, 32 docentes e oito grupos de investigación que participaron nesta iniciativa, tamén puxeron o seu gran de area no primeiro satélite desenvolvido en Galicia.

Segundo explica Arno Formella, responsable do software de a bordo do Xatcobeo e coordinador da participación ourensá no proxecto, a implicación da ESEI na creación do software iniciouse en 2008 “cun papel en branco e sen experiencia previa”. Comezaron entón tres anos de traballo coa EE de Telecomunicación e a EE Industrial da Universidade de Vigo e de colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa. Especialmente intenso foi o traballo coa EE de Telecomunicación, onde un equipo de doce persoas coordinadas por Gabriel González creou o software da estación terrea e as chamadas capas baixas do software de a bordo, as comunicacións e a parte de control de erros. En total, participaron no desenvolvemento do software de a bordo do XaTcobeo, a través dos seus proxecto de fin de carreira, os alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática Breogán López, Leonardo Antelo Occhiuzzi, Mathias Domínguez, Adrián Romasanta, Leticia Rocha e Aitor González.

A dificultade de cumprir os estándares

“O noso traballo consistiu en deseñar e desenvolver as chamadas capas altas de software, concretamente o módulo de almacenamento de datos, o planificador de tarefas do XaTcobeo, a monitorización dos parámetros do sistema de alarma e a implementación dos modus de operacións”, explica Formella. Xunto ao reto tecnolóxico que supoñía para os alumnos desenvolver este software con supervisión docente, o investigador destaca a complexidade do proxecto porque “sempre había cando menos 15 persoas traballando ao mesmo tempo, 15 persoas que se tiñan que comunicar entre elas continuamente e desde diferentes lugares”.

Para os estudantes participantes, destaca Breogán López, especialmente difícil foi conseguir que o software creado cumprira axeitadamente os estándares da Axencia Espacial Europea (ESA), requisito imprescindible do proxecto. “En realidade non fixemos algo moi complexo, porque os estándares da axencia detallan a moito nivel e claramente o que hai que facer. O complicado foi saber levalos á práctica, coller a súa forma de traballar e cumprir con todos os requirimentos”, salienta.

A faciana educativa

Breogán López foi o encargado, a través do seu proxecto fin de carreira, de desenvolver a parte de control, integración e testing do software de a bordo do XaTcobeo. Antes de chegar a esta fase final, o seu compañeiro Leonardo Antelo Occhiuzzi encargouse da implementación da parte de datos e memoria; Mathias Domínguez do simulador e inicio, e Adrián Romasanta da parte de comunicacións. Os traballos previos ao desenvolvemento do software de a bordo corresponderon a Aitor González, que creou un simulador 3D para a representación orbital do satélite, e a Leticia Rocha, que realizou o deseño e implementación do software de procesamento de datos da estación terrea do picosatélite. O seu traballo foi paulatinamente superando todas as probas propias e de integración para comprobar o seu funcionamento, realizando as adaptacións precisas ata non ter ningún fallo coñecido e ter o visto bo da Axencia Espacial Europea e da INTA.

“Neste proceso é fundamental recalcar a faciana educativa do XaTcobeo”, destaca Formella. A proposta do picosatélite da Universidade de Vigo naceu dunha convocatoria da ESA para seleccionar un grupo de CubeSats europeos que se incluirían sen custo no voo inaugural da lanzadeira europea Vega. Nesta convocatoria, alén dos aspectos técnicos e de financiamento, valorábase dos proxectos o seu carácter educativo e a implicación do alumnado, que no caso da Universidade de Vigo ascende a 60 estudantes, 32 docentes e oito grupos de investigación, coordinados polo enxeñeiro Fernando Aguado.

“Un grande éxito xa deste proxecto é que reuniu e puxo a traballar xuntos a estudantes con ideas, que durante o proceso adquiriron coñecementos e que participaron nunha iniciativa que lles axudará na carreira profesional que están comezando”, apunta Arno Formella. Todos eles, desde os seus lugares de traballo unha vez que xa todos eles remataron a súa formación universitaria, seguirán con especial ilusión e expectación o lanzamento de Vega o día 13 de febreiro.