DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración dunhas xornadas sobre programación web

O software libre constitúese como unha aposta da Universidade, a administración e o mundo empresarial

O director da ESEI, Enrique Barreiro, presentou neste acto o Máster en Consultoría de Software Libre

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 23/06/2008

As II Xornadas de Programación Web con Software Libre organizadas pola asociación de estudantes Ousli botaron a andar para, ao longo de toda a semana, amosar as posibilidades que ofrecen as últimas tecnoloxías do mercado en desenvolvemento web con software libre. No acto inaugural, presidido por Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Antonio Pérez , asesor da Consellería de Innovación e Industria en materia da Sociedade da Información e Xavier Castaño, socio de Igalia, expuxeron as diferentes perspectivas nos eidos da educación, a administración e a empresa que conforman a situación actual do software libre en Galicia. Ademais, Barreiro aproveitou a ocasión para presentar o Máster en Consultoría de Software Libre que comezará a impartirse en Ourense o vindeiro curso.
Juan Francisco Gálvez destacou “o luxo que supón contar cunha asociación de estudantes tan activa como Ousli” e recalcou a importante aposta que dende a Vicerreitoría do campus están a facer pola instalación de software libre “que ademais de rebaixar custos permite ter todo o software legal sen prexudicar para nada ao estudante”. Ademais, explicou que este tipo de aplicacións “son unha alternativa real, efectiva e de futuro, non só para as universidades, senón tamén para as empresas”. Froito desta implicación, naceu o máster e, como engadiu Enrique Barreiro, “conseguimos que a Oficina de Software Libre que financia a Consellería de Innovación e Industria correspondente á Universidade de Vigo viñera para o noso campus”, tarefa que non foi fácil “ao estar a ETSE de Telecomunicación en Vigo” matizou. A oficina, que o curso que vén xa estará a funcionar terá unha estratexia de promoción por canles non convencionais que o director da ESEI cualificou de “moi orixinal, pero da que non podo adiantar nada”. Máis, á marxe da difusión interna do uso do software libre, Barreiro fixo unha chamada de atención sobre a necesidade de motivar ao alumnado para que desenvolva empresas baseadas neste tipo de aplicacións. “Din que o obxectivo último do 70% dos estudante é ser funcionario e iso é algo que temos que é responsabilidade nosa combater” explicou. A estructura empresarial galega, distribuída en PEMES, “que a priori pode ser unha debilidade, é para o software libre unha oportunidade, porque esas pequenas empresas só poderán sobrevivir mellorando a súa competitividade” explicou “reducindo as inversións en licencias de programas, por exemplo e instalando software libre para o que alguén terá que prestar servizos e xestionar” dixo.
Xavier Castaño, socio de Igalia corroborou coa súa visión como empresario “a necesidade de conseguir xente formada en programación de software libre” ademais de dar a coñecer estas aplicacións con iniciativas como estas xornadas organizadas por Ousli que se están a retransmitir en directo dende a súa páxina web e dende UVigo Tv. Pola súa banda, José Ramón Méndez, vicepresidente de Ousli, coincidiu na importancia de “compartir a filosofía do software libre e coñecer as ferramentas que ofrece e as diferentes tecnoloxías web que se basean nel”

O papel da Consellería de Innovación e Industria

Antonio Pérez acudiu á inauguración das xornadas en representación da Consellería de Innovación e Industria, unha das institucións colaboradoras na súa organización para explicar “o compromiso que dende a Xunta de Galicia temos co software libre como un punto de encontro de todos os que traballan nel a través da páxina de Mancomun ”. Ademais, explicou que “este tipo de aplicacións crean unha grande oportunidade para a actualización e creación do software en galego, tarefa na que temos que integrar ás universidades como entidades xeradoras de coñecemento e innovación”. Pero o obxectivo “non é limitar o software libre á educación e á administración, senón darlle unha dimensión empresarial que só poderá desenvolverse con capital humano formado nel” polo que o apoio á formación, “é un piar básico para a nosa cvnsellería” explicou “e iniciativas como estas xornadas, algo estratéxico para conseguilo”.

Máster en Consultoría de Software Libre

O director da ESEI, Enrique Barreiro aproveitou a ocasión para presentar o Máster en Consultoría de Software Libre que comezará a impartirse o vindeiro curso no campus. “A idea orixinal era crear un máster en consultoría informática pero rematou sendo de software libre como elemento diferenciador e dada a demanda de profesionais nese ámbito” explicou. O posgrao é un título oficial da Universidade de Vigo e como tal as súas taxas de matrícula son a prezos públicos e ademais ten unha carga lectiva de 60 créditos ECTS, o que supón un ano académico completo pero con natureza semipresencial. As horas presenciais terán lugar os venres pola tarde e os sábados pola mañá, mentres que o resto da docencia impartirase a través de ferramentas de e-learning. “O obxectivo é facilitarlle o acceso ao máster aos profesionais en activo e, ademais, non é necesario matricularse nos 60 créditos á vez” explicou Barreiro.
Está especialmente dirixido a Enxeñeiros Informáticos e Enxeñeiros Técnicos en Informática aínda que, de quedar prazas baleiras, poderán acceder a elas outros titulados.
“Non queremos formar programadores, senón profesionais que sexan quen de implantar e desenvolver modelos de negocio baseado en tecnoloxías de software libre” concluíu Barreiro que facilitou a páxina web do posgrao para ampliar a información e animou a inscribirse aos presentes entre o 1 de xullo e o 14 de agosto.