DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dun proxecto de investigación no que participan as universidades de Vigo, Salamanca e UTAD

Un software permite analizar de xeito visual diferentes variables tácticas dun equipo de fútbol

O prototipo do programa preséntase na revista ‘Frontiers in Psycologhy’

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/12/2018

Valéndose dos datos que proporcionan dispositivos GPS, un software desenvolvido ao abeiro dun proxecto de investigación no que participan as universidades de Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e Salamanca permite analizar a través de animacións visuais interactivas diferentes variables tácticas e colectivas dun equipo de fútbol. Esta é a principal novidade que achega ao estudo deste deporte a ferramenta informática desenvolvida no marco do proxecto Data-driven visual group of analysis in soccer match, financiado polo Ministerio de Economía no marco do programa Retos de la sociedad, co catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago como investigador principal. O prototipo do software desenvolvido ao abeiro deste proxecto, que permite xerar animacións “practicamente en tempo real, cun pequeno desfase” de diferentes variables tácticas, técnicas e de rendemento, tanto colectivas como individuais, preséntase nun artigo da revista Frontiers in Psycologhy, “o que nos permite que tanto a comunidade científica como a profesional coñeza xa a existencia dos software e obter tamén un feedback, opinións do que se poida mellorar”, explica Lago.

Xunto a Lago, participan neste proxecto de investigación, que se estende ata 2019, a tamén investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino, o profesor da UTAD Jaime Sampaio e aos investigadores da Universidad de Salamanca Alejandro Benito Santos, Roberto Theron  e Antonio Losada. Como explica Lago, as aplicacións informáticas existentes ata o de agora para traballar cos datos de posición e movemento que achegan os dispositivos GPS permitían fundamentalmente “unha análise da prestación individual, do rendemento do xogador”, mentres que o prototipo que presenta este grupo de investigadores dá a posibilidade de “analizar, a través dunha ferramenta moi plástica,  o rendemento dos equipos, variables colectivas de situación e coordinación dos xogadores, e isto era algo que ata agora non existía no mercado”. 

Partindo dos datos de coordenadas xerados polas aplicacións GPS, este software permite, explica o investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, tanto obter datos numéricos de diferentes variables individuais e colectivas, desde “os metros percorridos por un xogador e a intensidade das carreiras” ata aspectos relativos á posición, movemento dunha determinada liña de xogadores, mapas de calor das “zonas onde máis participa” un determinado xogador ou grupo ou información dos espazos xerados no campo polos movementos dun determinado integrante do equipo. Diferentes variables que este software traduce nunha serie de animacións que permiten así observar, practicamente en tempo real, o comportamento do xogador ou xogadores “ou incluso de relacionar aspectos de disposición técnico-tácticas dos xogadores do equipo A cos do equipo B”. Trátase, como sinala Lago, dun “software con moitas posibilidades á hora de subministrar información de todo tipo, polo que agora o que se trata é que o adestrador seleccione de todo ese abano de opcións, físicas, técnico-tácticas, tácticas, individuais, grupais e colectivas, cales son as que lle interesan”.  

Unha ferramenta con aplicacións no adestramento e na competición

O prototipo presentado nesta revista científica foi desenvolvido a partires do traballo con GPS capaces de subministrar de 5 a 15 datos de coordenadas por segundo e foi testado empregando os datos xerados con este tipo de dispositivos “por un equipo da Liga de Campións”, explica Carlos Lago. Co prototipo, que se presenta tamén a  través dunha animación na versión dixital desta publicación científica, “xa definido, agora trátase de axustar e afinar algunha cousa”, para dar forma a súa versión final e a o posterior proceso de comercialización, explica Lago.  De feito, este proxecto de investigación iniciouse en 2017 co propósito de desenvolver unha ferramenta que servise como apoio aos equipos técnicos nos adestramentos, “pero a UEFA acaba de aprobar que se poden utilizar dispositivos móbiles en partidos de competicións oficiais”, o que faría tamén posible o seu uso na análise dos propios partidos. De feito, a posibilidade de xerar animacións permitiría que esta ferramenta servise de apoio na toma de decisións no propio transcurso do encontro. “Loxicamente, se o analizas no momento, tes que escoller poucas variables, porque o que che interesa é tomar decisións para intervir xa, pero esa é tamén unha das grandes potencialidades da ferramenta, que axuda ao adestrador a tomar decisións sobre o que está sucedendo”, sinala Lago desa nova posibilidade que o cambio de normativa outorga a un software que fai posible transformar “medidas numéricas que non se poden observar a simple vista” nunha información visual e interpretable.