Colombia e Brasil, países de procedencia con maiores aumentos
As solicitudes de acceso a mestrados da UVigo por parte de estudantado de fóra do EEES incrementáronse en case 500 para o curso 2026/2027
A UVigo confirmou un incremento de case 500 solicitudes de acceso aos estudos de mestrado para o curso 2026/2027 por parte de estudantado internacional de fóra do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), respecto das rexistradas o presente curso, “consolidando así unha tendencia ascendente marcada pola crecente internacionalización da súa oferta académica”, asegura a vicerreitora de Internacionalización en funcións, Maribel del Pozo.
Os datos das solicitudes rexistradas, preto das 2300, amosan subidas significativas en países estratéxicos, con incrementos destacados tanto en volume como en porcentaxe con respecto á convocatoria do ano pasado, como é o caso de Colombia (+122 solicitudes; +222%), Brasil (+86; +176%), Marrocos (+137; +115%) e México (+39; +139%). Tamén se confirman crecementos relevantes en Perú (+46; +82%), Ecuador (+26; +104%) e Cuba (+28; +41%). Pola súa banda, no caso de caladoiros emerxentes, destacan especialmente Turquía (+2200%) e Paquistán (+1300%), aínda que partindo de cifras iniciais máis reducidas. Pola súa banda, Venezuela experimenta tamén unha evolución positiva (+11 solicitudes; +13%), consolidando a súa presenza entre o estudantado internacional.
“Este crecemento está directamente vinculado á participación activa da Vicerreitoría de Internacionalización en feiras e eventos de captación de estudantado internacional, onde se reforzou a visibilidade da universidade e da súa oferta de posgrao”, explica Maribel del Pozo, que lembra que, neste contexto, durante a asistencia a estas feiras de captación e encontros de networking internacional, o equipo da Vicerreitoría de Internacionalización mantén reunións de traballo cos seus homólogos doutras universidades estranxeiras, co obxectivo de asinar novos convenios de colaboración, renovar acordos xa existentes e dar a coñecer a oferta académica da institución.
Co obxectivo de facilitar a comunicación e o acceso á información do estudantado potencial de mestrado, habilitouse un grupo de WhatsApp ao que poden incorporarse as persoas interesadas, e no que o equipo da Vicerreitoría lles ofrece resposta, practicamente de xeito inmediato, ás súa consultas.
O peso do estudantado descendente de galegos e un prazo extra de solicitude
Maribel del Pozo sinala outros dos factores que deben terse en conta para explicar o incremento experimentado no número de solicitudes rexistrado por parte do estudantado de fóra do EEES. Dunha banda, o peso do alumnado descendente de galegos e galegas no exterior, que accede á universidade ao abeiro das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) da Xunta de Galicia. “Xa no curso pasado a UVigo foi a institución do Sistema Universitario Galego (SUG) que captou un maior número de estudantes a través deste programa, reforzando así o seu papel como ponte académica coa diáspora galega”, destaca a vicerreitora en funcións.
E pola outra, Maribel del Pozo apunta ao adianto dun prazo extraordinario específico para estudantes con títulos estranxeiros, unha medida adoptada en acordo co Servizo de Posgrao, que facilita unha planificación máis anticipada do proceso de admisión e sobre todo facilita a xestión de visados.
O incremento no número de estudantes internacionais considera Del Pozo que achega un valor engadido á institución, dunha banda porque “enriquece o ambiente académico e social ao introducir diversidade de culturas, linguas e perspectivas, o que favorece o pensamento crítico, a tolerancia e a preparación do estudantado para un mundo globalizado”. E pola outra, porque a presenza de estudantes internacionais inflúe positivamente nos rankings universitarios, “xa que moitos indicadores valoran a internacionalización, como a porcentaxe de alumnado estranxeiro ou a colaboración global. Isto incrementa o prestixio da institución, atrae máis talento e fortalece a súa reputación a nivel internacional”, explica.
