DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática de BBAA Yolanda Herranz protagoniza unha exposición no museo online Museari

Sombras e reflexos para reflexionar sobre a identidade

Sete autorretratos realizados a través da fotografía integran a mostra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/11/2019

Autorretratos (da artista). Sombras y reflejos é o título da exposición que a catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz protagoniza nestas semanas no Museu de l'Imaginari, Museari, de Valencia, un museo online que promove cada mes a través da súa web unha exposición temporal. Sete fotografías, non expostas previamente, integran o proxecto seleccionado polo comité científico desta institución sen ánimo de lucro, no que Herranz propón “unha reflexión sobre o concepto de identidade e o sentir da existencia” a través dunha serie de autorretratos e dos textos que as acompañan.

“Considero que o autorretrato é un medio idóneo para penetrar no concepto de identidade, que é o lugar de definición do humano”, salienta a catedrática do Departamento de Escultura, que define nese senso o autorretrato como “un acto de concentración”, como unha “radiografía do espírito” que axuda a pensar sobre un mesmo. Inseridas no seu proxecto El cuerpo de la artista, esta serie de sete fotografías, realizadas entre 2017 e 2019, suxiren nese senso “un suceder de miradas que implican saber-se, prometendo unha introspección nas zonas sombrías”, nas que “resoan ecos e negacións” que, engade a artista, “abócannos a vernos como somos”. 

Desde o 16 de novembro, pode contemplarse na web de Museari unha mostra que, tralo seu remate, pasará a formar parte do arquivo deste museo online, así como da mostra colectiva que Museari organiza cada ano en Valencia e do catálogo anual que reúne as mostras promovidas cada ano pola institución que dirixe o artista Ricard Huerta. Por outra banda, pese a que non foron expostas previamente, once imaxes desta serie foron previamente recollidas nunha revista científica de investigación e presentadas nun congreso internacional en Portugal.