DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ricardo Corderí, xefe do Servizo de Extensión Universitaria:

“Somos unha porta que se abre entre a Universidade e a sociedade e na que se cultiva corpo, mente e espírito”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/02/2008

Información, cultura, deporte e voluntariado. Estes catro campos, ás veces tan distanciados entre si, son os que coordina Ricardo Corderí como xefe do Servizo de Extensión Universitaria. Segundo explica el mesmo, “a miña labor é coordinar as diferentes áreas de Extensión Universitaria que se ocupan da formación extra académica dos estudantes”. Precisamente pola dimensión tan ampla desta área e pola súa visibilidade para a comunidade universitaria, Corderí defínea como “unha porta de acceso á Universidade dende a sociedade”. Pero é unha porta de dobre vertente, xa que “dende ela, a sociedade accede á Universidade ao tempo que a comunidade universitaria tamén se abre á sociedade”. Unha vez traspasada esta porta, o servizo de Extensión Universitaria “engloba todos os temas de formación que non sexan de ámbito estritamente académica. Cultívase mente, corpo e espírito”.
No servizo de Extensión Universitaria traballan arredor de 35 persoas repartidas, segundo explica Corderí, en catro áreas ben diferenciadas: a de información, a área de Extensión Universitaria, a de Deportes e a Oficina de Voluntariado e Integración.

Área de Información

A área de Información engloba tanto ao SIOPE (Sección de Información, Orientación e Promoción do Estudante) coma o Gabinete Psicopedagóxico.
Por unha banda, o SIOPE ocúpase de ofrecer toda a información que un estudante pode precisar, tanto na súa etapa de preuniversitario, como durante a súa vida como universitario e, incluso despois de ter rematados os estudos. Segundo apunta Corderí, “ a todos eles se lles ofrece información sobre o acceso á universidade, as titulacións da Universidade de Vigo e doutras institucións, traslados, simultaneidade de estudos, homologación de títulos, bolsas, programas de intercambio, estudos no estranxeiro...Tentamos solucionarlles todos os problemas que lles xurdan”.
Por outra banda, está o Gabinete Psicopedagóxico que, segundo explica, “ten tres anos de vida e a experiencia é moi boa neste tempo, pero sempre hai unha barreira que romper para exteriorizar as inquedanzas de cada un”. Neste gabinete aténdense os problemas que lles xorden aos estudantes ao longo da súa vida universitaria, tanto problemas sociais, como persoais e de índole pedagóxica (técnicas de estudos, de relaxación, concentración...).

Extensión Universitaria

A área de Extensión Universitaria ocúpase da formación integral do estudante co obxectivo de que “a sociedade sinta a universidade como algo próximo, como unha institución que contribúe á mellora da súa calidade de vida e que, en definitiva, se debe á propia sociedade”, subliña Corderí.
Entre as actividades que se xestionan destacan os obradoiros, que conxugan tradición e novas inquedanzas e a xestión da programación de Extensión Cultural que “inclúe programación musical, o coro, o ciclo Sonora, o programa Ensaiamos, a programación teatral, a cinematográfica ou as exposicións”. Desta sección dependen tamén as convocatorias de axudas para actividades extra académicas e de difusión cultural como ciclos ou conferencias de interese xeral, “fomentando o ambiente cultural universitario”. Tamén teñen cabida as axudas para accións participativas e asociacionismo, así como os premios de creación artística, premios literarios, as residencias ou temas referentes ás asociacións de estudantes.

Servizo de Deportes

Este servizo pretende facilitar e promocionar a actividade físico-deportiva entre todos os membros da comunidade universitaria cunha finalidade eminentemente recreativa e saudable. “Máis de 10.000 participantes anualmente en todas as actividades que se desenvolven e abranguen todo tipo de prácticas deportivas e modalidades, dende o máis coñecido a deportes minoritarios e todo tipo de competicións, tanto internas, como universitarias como federadas”.
Entre a súa oferta destacan as actividades de ocio e formación con cursos monográficos de diferentes deportes ou as escolas deportivas, con máis de 2000 participantes ao longo do ano. Por outra banda, tamén se organizan actividades máis orientadas ao ámbito recreativo como os programas Delecer, Augaventura, ou os Roteiros Culturais. Ademais, tamén se desenvolven competicións internas e interuniversitarias e a Universidade conta tamén con seccións federadas de deportes como rugby, xadrez, baloncesto ou orientación.
Require unha mención especial a Área de Deporte e Saúde, “ proposta pioneira no ámbito universitario español que busca o tratamento individualizado da cada usuario para acadar os seus propios obxectivos”. Para acadar este obxectivo cóntase cun médico que se encarga de facer unha valoración do estado físico de cada usuario, ou tempo que se deseña, planifica e desenvolven os programas específicos, atendendo á valoración médica inicial”.

Oficina de Voluntariado e Integración

Finalmente, o Servizo de Extensión Universitaria comprende tamén a Oficina de Voluntariado e Integración. “Mediante ela trátase de ofrecer atención e oportunidades a persoas con vocación de voluntariado e, por outra banda, trata de apoiar e buscar medios para axudar a persoas con discapacidade ou problemas de integración dentro da comunidade universitaria”.
A parte que se ocupa do voluntariado “ten como obxectivo captar, formar e xestionar actividades e, ao mesmo tempo, crear programas propios de voluntariado”. Tamén conta con convenios con outras entidades para que os voluntarios da Universidade poidan saír ao exterior da institución a levar a cabo este tipo de labores.
Por outra banda, está a función de atender a estudantes con necesidades especiais, “coa finalidade de obter unha igualdade real de oportunidades en toda a comunidade universitaria”. Deste xeito, destaca Corderí, “cando un estudante precisa de algún tipo de axuda ou apoio pónselle en contacto cun voluntario que o axudara no que requiran as súas necesidades especiais, que na maioría dos casos son de mobilidade”. Ademais, engade, estamos comezando a traballar en actividades de cooperación internacional, pero aínda estamos dando os primeiros pasos neste tema e queda moito por andar”.