DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de redes sociais difundiranse pezas centradas en sete titulacións

#SomosUVigo. A Universidade reivindícase para incrementar o seu alumnado

Os ‘teasers’ foron creados e protagonizados por titulados e estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 12/09/2018

Co gallo da convocatoria especial dos exames da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) que hoxe comeza e que se prolongará ata o vindeiro venres, a Universidade de Vigo aposta polas redes sociais para captar alumnado en titulacións, que segundo a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, “por diversos motivos non contan coa preferencia do estudantado”. Ao longo dun mes e a través de Instagram, Twitter, Facebook e Youtube difundiranse pezas de 15 segundos, destinadas, cada unha delas, a incrementar a matricula nos graos en Comercio; Enxeñaría Forestal; Enxeñaría Agraria; Dirección e Xestión Pública; Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxía; Enxeñaría da Enerxía e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

“Para cada grao destácase unha potencialidade que describe unha das fortalezas de cursar estes estudos”, explica Valderrama, que destaca o protagonismo que nas pezas, coa etiqueta #SomosUVigo, teñen as persoas. Xunto ás pezas audiovisuais, esta acción de difusión complétase con gráficas en autobuses, carteis e exteriores cunha imaxe xenérica, acompañada da frase “Somos a experiencia, a confianza e o lugar onde cremos nas persoas”.

Unha creación dun equipo de ex alumnas e alumnos

As pezas de 15 segundos (teasers) foron creadas por un equipo de ex alumnas e alumnos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que “demostraron gran capacidade creativa e de realización. Gabriel Martínez foi o director e as e os protagonistas son estudantes ou tituladas e titulados da Universidade de Vigo”, sinala a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais. Valderrama destaca tamén que os centros aos que pertencen as titulacións protagonistas das pezas audiovisuais, “amosáronse moi proactivos para que se potenciasen accións para un maior coñecemento das vantaxes de cursar eses estudos”.