DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC Xurídicas e do Traballo acolleu este venres unhas xornadas sobre federalismo

Son as demandas de secesión o gran motor de cambio da organización territorial?

Esther Seijas avogou pola idoneidade dun modelo federal adaptado á singularidade española

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 12/11/2021

Son as demandas de secesión o gran motor de cambio da organización territorial? Esta foi a pregunta á que trataron de responder os diferentes especialistas en Dereito Constitucional e Dereito Comparado que este venres participaron nas Xornadas de Internacionalización da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, unha actividade xa clásica no centro que, tras a paréntese da pandemia, volveron ao formato presencial -combinado agora coa retransmisión en liña-, reunindo no salón de actos da facultade arredor dun cento de asistentes, maioritariamente alumnado do centro.

Tal e como explicou a directora, a profesora Noemi García Gestoso, durante a presentación inicial as xornadas centráronse nesta ocasión no federalismo. “Sen dúbida, España atópase nun momento no que a súa estrutura territorial, nunca ben resolta, enfróntase a distintos axentes perturbadores ou adversos, en especial polas demandas secesionistas de Cataluña”, explicou García Gestoso, docente da Área de Dereito Constitucional, facendo fincapé en que a adaptación a factores cambiantes que en principio ameazan con desencaixar o sistema, poden servir de “acicate ou motor” para promover unha evolución mediante solucións innovadoras aos problemas que trae consigo a “complexidade implícita ao federalismo”. 

Os participantes na xornada trataron de levar a cabo unha reflexión conxunta, desde os coñecementos teóricos e do Dereito español e da súa realidade, así como a través da análise do Dereito Comparado, “de posibles solucións para lograr por fin o ansiado encaixe territorial en España de todas as súas partes e con respecto ás súas diferencias”, recalcou García Gestoso.

Federalismo resiliente, unha posible solución á organización territorial en España

Abriu o programa de relatorios  a catedrática de Dereito Constitucional da Universidad de León Esther Seijas, quen avogou pola idoneidade dun modelo federal adecuado á singularidade española, “flexible na súa implementación”, ao que se referiu como federalismo resiliente. Na súa intervención formulou unha reflexión sobre a organización territorial do Estado desde unha dobre perspectiva: os parámetros tradicionais e as novas propostas formuladas desde o Dereito Constitucional. Desde esa visión tradicional, á que se referiu como “retagarda”, foi analizando as diferentes opcións de modificación da organización territorial cara a propostas unitarias, rexionais, federais, e confederais. Fronte a isto, a formulación máis innovadora, “vangarda”, ofrece segundo esta experta novos dereitos e principios constitucionais, novos protagonistas, “marcados por unha concepción tridimensional do Dereito”, e novas formas de participación dos cidadáns nos asuntos públicos.

Visión internacional: o exemplo de Canadá

A visión internacional chegou nesta ocasión da man da profesora italiana Sabrina Ragone, da Università di Bologna, que foi a encargada de facer unha análise das demandas secesionistas na xurisprudencia comparada.  Na súa intervención fixo un rápido repaso ás principais liñas de argumentación empregadas polos diferentes tribunais constitucionais e supremos ao enfrontarse a instancias secesionistas, ofrecendo distintas reflexións críticas sobre o rol que pode desempeñar o poder xudicial fronte a esas instancias.

Pola súa banda Francisco Javier Romero, investigador senior no Instituto de Federalismo Comparado da Academia Europa de Bolzano/Bozen, empregou o caso de Canadá como exemplo de resiliencia e adaptación. Abordou este caso tendo en conta dúas grandes cuestións: por unha banda, a orixe da crise secesionista en Quebec, as súas consecuencias e as medidas xurídico-políticas postas en marcha polo goberno federal para contrarrestala; e, polo outro, os mecanismos internos de flexibilidade que o sistema constitucional de Canadá foi quen de desenvolver para integrar a diferenza quebequesa, evitando a ruptura do sistema constitucional.