DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concerto na sede da Vicerreitoría interpretarán o seu novo disco ‘Miña Almiña’

Son Trío porá música este mércores aos versos de Rosalía de Castro

O 26 de marzo actuará na Casa das Campás Meraki Quartet

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/03/2020

Nove cancións que poñen música a unha escolma de poemas pertencentes a Follas Novas, de Rosalía de Castro, integran Miña Almiña, o primeiro disco de Son Trío, que a formación que integran Su Garrido, Susanna Blanco e Katerina Linke interpretará este mércores ás 20.00 horas na sede da Vicerreitoría do campus, nun concerto con entrada con invitación, que poden recollerse na sede da Vicerreitoría a partir de mañá mércores ás 10.00 horas e ata completar aforo. Nese mesmo horario, o xoves 26 de marzo chegará á sede da Vicerreitoría Meraki Quartet, un cuarteto integrado polas saxofonistas galegas Andrea González, Noelia Fraga, Alicia Caride e Alba Soto, que interpretarán un repertorio conformado por pezas de, entre outros, Edvard Grieg e Antonin Dvorak.

Poñendo música a Rosalía

Integrado polas músicas profesionais Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello), Son Trío foi finalista nas edicións 2018 e 2019 dos Premios Martín Códax da Música, na categoría de música clásica e contemporánea, así como gañadoras do II Premio Celso Emilio Ferreiro. “Os nosos estudos e influencias pasaron pola música clásica, o jazz, o folk, a música de autor, a bossa nova..., e a través de Son Trío buscamos a sinerxía das nosas experiencias, creando un estilo propio que non deixa indiferente”, destacan desde esta formación. 

Miña Almiña, o disco que centrará o concerto promovido pola Vicerreitoría do campus, foi producido por Gonso Pedrido, “quen conseguiu potenciar ao máximo as nosas interpretacións a través dunha sonoridade suxerinte e chea de matices”, destacan desde esta formación. Xunto á presentación das pezas que integran este traballo discográfico, o concerto de Son Trío completarase con versións propias de cancións populares galegas e outra serie de pezas nas que poñen tamén música a poetas galegos.

Protagonismo para o saxofón

Trala actuación deste mércores, a música retornará á sede da Vicerreitoría o xoves 26, da man de Meraki Quartet, formación integrada por Andrea González Pérez (saxo soprano), Noelia Fraga Rivera (saxo alto), Alicia Caride Posada (saxo tenor) e Alba Soto Pacheco (saxo barítono). Constituído por catro intérpretes galegas en formación, que compaxinan a interpretación individual do instrumento coa camerística, o cuarteto iniciou a súa andaina o pasado ano 2019, co nome de Siracusa, nas aulas de música de cámara do Conservatorio Superior de Música de Vigo, baixo a tutela do profesor e saxofonista Alejandro Troya. Nestes primeiros meses de traxectoria, Meraki Quartet logrou ser seleccionado no IV ciclo de Novos Talentos Musicais, en Santiago de Compostela, e acadou tamén o segundo posto no VI Concurso de Música de Cámara que promove a asociación Compostela Sound.

Nun concerto programado tamén para as 20.00 horas, estas catro saxofonistas interpretarán un repertorio integrado por compositores de diferentes épocas. A actuación abrirase coa interpretación de Sekhmet, unha obra que o compositor vigués Brais González compuxo para este cuarteto e baseada na deusa exipcia do mesmo nome. Meraki Quartet interpretará así mesmo a Suite Holberg, do compositor norugués Edvard Grieg e o Cuarteto nº 12 de Antonin Dvorak, a obra de cámara máis famosa do compositor checo, tamén coñecia como o Cuarteto americano, ao integrar elementos propios das músicas tradicionais americanas. O repertorio do concerto completarase con Tango virtuoso, do compositor francés contemporáneo Thierry Escaich.