DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival VertixeVigo’13 fixo unha parada da ETS de Enxeñaría de Minas

Sons vangardistas e vertixinosos á hora do xantar

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 31/10/2013

O ciclo VertixeVigo’13 é un programa de concertos e actividades que ofrece unha panorámica ampla e desprexuizada da creación sonora internacional. Organizado polo colectivo Vertixe Sonora Ensemble, o ciclo tivo este xoves unha primeira parada no campus vigués, cun concerto da entrada da ETS de Enxeñaría de Minas titulado Xardín Urbano. Estudantes, docentes e traballadores do centro puideron asistir a unha pouco habitual demostración de sons vangardistas e música contemporánea da man de Pablo Coello ao saxofón, Criptana Angulo ao violonchelo, Diego Ventosa á percusión e Ramón Souto na difusión de son. Estes catro músicos conforman Vertixe Sonora Ensemble e, nesta ocasión interpretaron Contrapunto Urbano, peza composta polo mexicano Víctor Ibarra en 2013 para saxofón, tenor e violonchelo, e Un jardín primitivo, tamén de 2013, composta polo arxentino Santiago Díez Fischer con trío amplificado para saxofón, barítono, violonchelo e percusión.

Esta tarde, a partir das 20.00 horas, Vertixe Sonora trasládase á libraría Versus-Gallería Lilliput e mañá sábado ao Marco. Volverán ao campus o vindeiro día 14 de novembro, cunha actuación a partir das 14.15 horas no Centro Comercial da Cidade Universitaria.

Unha innovadora iniciativa

O colectivo Vertixe Sonora Ensemble está concibido como unha plataforma para a creación e divulgación da música contemporánea internacional, estreando en Galicia obras de compositores de todo o mundo e conectando a creatividade e a vangarda musical do noroeste peninsular. Trátase dun dos colectivos máis destacados tanto pola oportunidade que dá á nova música contemporánea como pola divulgación que fai entre públicos amplos. Nel conflúen artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xentes do teatro e da danza.

Dende hai dous anos, esta plataforma deseña proxectos, ciclos e festivais nunha dobre dirección, xa que por unha banda, ofrece aos compositores novos unha plataforma para desenvolver os seus proxectos e, por outra, crea e procura a fidelización de novas audiencias para a música contemporánea. Unha das propostas de Vertixe Sonora Ensemble é este festival VertixeVigo’13, no que se enmarca a actuación deste xoves no campus. Trátase dun programa de concertos e actividades que ofrece unha panorámica ampla e desprexuizada da creación sonora internacional. Agrupada en diferentes bloques a programación abrangue concertos de música contemporánea, música electrónica, música improvisada, instalacións sonoras, obradoiros etc. Deste xeito serve como plataforma de presentación dos novos creadores internacionais e permite establecer vínculos culturais que reforcen a identidade propia nun marco globalizado, dando mostra en tempo real da rica diversidade que está a renovar o discurso das artes sonoras na nosa época.