DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participarán investigadores de dúas universidades brasileiras

A sostibilidade, tema a debate no I Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito

A cita terá lugar no campus os días 15 e 16 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 12/04/2019

Os días 15 e 16 de abril, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle a celebración do I Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito, nado da cooperación académica entre grupos de investigación da Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina, en Paraná, Brasil, e da Universidade Federal Fluminense, de Río de Janeiro, do mesmo país. “Este seminario xorde na procura da integración e da ampliación do diálogo sobre os problemas contemporáneos e a discusión de posibles solucións”, explican desde a organización.

A iniciativa, cuxos directores nas tres universidades implicadas son Guillermo Suárez, Clodomiro José Bannwart e Gilvan Luiz Hansen, centra a súa atención no debate ao redor das cuestións e os desafíos que se presentan ás ciencias humanas e ás ciencias sociais, principalmente ao dereito. Co lema Dereito e sostibilidade en escenarios de crises institucionais, o seminario, comentan desde a organización, “pretende avanzar na procura da sostibilidade e o desenvolvemento con calidade de vida e igualdade nun escenario global marcado polas inestables constantes xurdidas de crises institucionais, que alcanzan nacións, gobernos, mercados e persoas na súa inserción cotiá na sociedade”. O programa, que inclúe 13 conferencias maxistrais, contará cun amplo panel de investigadoras e investigadoras dos dous países para abordar durante os dous días de seminario temas nos que se relacionan cuestións como o dereito, a xestión ambiental, a sostibilidade, a resolución de conflitos, a comunicación nas crises institucionais, a diversidade, a xustiza, a democracia, as institucións e a cidadanía.

No marco deste seminario internacional, o día 16 Laura Magalhães de Andrade, actualmente en estadía de investigación na Facultade de Dereito ourensá, presentará o seu libro Derecho a la educación ambiental: una referencia teórica, legislativa y práctica en Brasil. A obra, explica a súa autora, naceu das inquedanzas xurdidas durante a súa formación de posgrao sobre “a necesidade de ver o dereito ao medio ambiente equilibrado como un dereito fundamental, xa que se traduce nunha ferramenta esencial para o mantemento da calidade de vida non só dos seres humanos senón de todos os seres do planeta”. Segundo explica a investigadora, o libro “pretende levar ao lector á reflexión sobre de que forma unha política pública sería eficaz na aplicación da educación ambiental como ferramenta efectiva no cambio de paradigmas cara a sostibilidade”.

Continuidade no III Congreso Euroamericano de Dereito e Política

Moi en relación con este seminario, o campus de Ourense acollerá os días 23, 24 e 25 de abril o III Congreso Euroamericano de Dereito e Política. A cita, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, en co-organización co Programa de Pós-Graduação em Direitos, Instituições e Negócios da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, reunirá arredor de 150 investigadores e investigadoras dun e doutro país. Nesta terceira edición o evento centrarase no estudo e análise das institucións xurídicas e políticas dos continentes americano e europeo, pondo unha énfase especial nos recursos que a empresa, como institución social, pode viabilizar para o desenvolvemento humano. A conferencia inaugural correrá a cargo do maxistrado-xuíz e avogado Baltasar Garzón.