DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentouse na FFT o manual da ferramenta desenvolvida por investigadores UVigo, USC, UNED e UNIR

'e-SoundWay': a aprendizaxe integral, practica e motivadora da fonética inglesa a través do Camiño de Santiago

O xogo traballa os sons, acentuación e ritmo, ademais da grafía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • HR
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/11/2025

“A principal novidade e-SoundWay é que consegue que a aprendizaxe da fonética inglesa sexa integral e ao mesmo tempo práctica e motivadora”, asegura María de los Ángeles Gómez González catedrática da Área de Filoloxía Inglesa da USC, que xunto ao docente e investigador do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da UVigo, Alfonso Lago Ferreiro, e aos tamén docentes e investigadores Milagros Torrado Cespón da UNIR e José María Díaz Lage da UNED, é a autora de Los sonidos del inglés en el Camino de Santiago (e-SoundWay). Un juego serio para aprender la pronunciación inglesa. O volume, que este mediodía foi presentado no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, é un manual trilingüe de uso que explica o funcionamento da ferramenta e-SoundWay (English Pronunciation Sounds on the Way of St. James), que mediante xogos, ten o obxectivo de que, tanto o estudantado de bacharelato e universitario, como o de primaria, acade as competencias que marcan os estudos para unha maior precisión e fluidez da pronuncia do inglés, en persoas que a utilizan como segunda lingua.

“A persoa que se achegue ao libro vaise atopar cun código QR co que pode descargarase o xogo. É un manual trilingüe de uso que explica detidamente como se pode xogar a cada un dos minixogos que constitúen a ferramenta, nas tres competencias básicas que son percepción, produción e transcrición. Así verá como pode ir avanzado ao longo do Camiño de Santiago que é onde se establecen todos os retos”, detalla Alfonso Lago sobre o volume, que tamén detalla como se pode acceder á biblioteca, na que se poden atopar audiolibros trilingües dos personaxes que foron considerados como peregrinos típicos no Camiño de Santiago e tamén información dos lugares que se percorren ao longo do xogo.

Los sonidos del inglés en el Camino de Santiago (e-SoundWay). Un juego serio para aprender la pronunciación inglesa está editado polo Servizo de Publicacións da UVigo, dentro da categoría Miscelánea. 

Unha viaxe fonética completa, contrastiva e realmente motivadora

Froito dunha axuda acadada en convocatorias de proxectos nacionais de investigación, a ferramenta e-SoundWay foi desenvolvida por persoal investigador dos grupos de Enxeñaría de Equipos Electrónicos, Laboratorio de Redes (atlanTTic) da UVigo e Discurso e Identidade da USC, contando ademais coa participación das universidades Autónoma de Madrid, Málaga, UNIR e UNED. 

“O xogo traballa os sons, pero tamén a prosodia, é dicir, a acentuación, o ritmo e a entoación. Ademais aborda percepción, a produción e a escritura, tanto en grafía como en símbolos fonéticos, sempre cun enfoque contrastivo que ten en conta se nosa lingua materna é por exemplo o castelán ou o galego. Todo isto preséntase como unha viaxe polo Camiño Francés con 34 etapas, minixogos, desafíos e tarefas de transcrición que reforzan articulación, ritmo e entoación dun xeito natural e progresivo”, explica María de los Ángeles Gómez. A tecnoloxía analiza en tempo real se a persoa usuaria produce e representa ben os sons e a prosodia da lingua inglesa e ofrece ademais un feedback moi fino atribuíndo graos de proximidade tanto á intelixibilidade como á emulación dunha pronunciación máis próxima á dun falante nativo.

“Outro punto crave é que incorpora distintos acentos do inglés e que axuda a desenvolver unha percepción máis ampla e realista, aínda que a referencia principal é o estándar británico, Finalmente a dimensión cultural desta experiencia formativa compleméntase cos personaxes que nos acompañan: algúns son figuras históricas do Camiño e outras son persoas relevantes hoxe en día na ruta xacobea, creando así unha contorna moi viva e próxima”, explica a catedrática da USC sobre a ferramenta, que cun sistema de puntos e vieiras e a música tradicional galega, ofrece como resultado final “unha viaxe fonética completa, contrastiva e realmente motivadora”.

O contexto histórico do Camiño de Santiago

Responsable, xunto ao tamén investigador do grupo de Enxeñaría de Equipos Electrónicos, Laboratorio de Redes (atlanTTic) Carlos López Ardao do deseño e desenvolvemento tecnolóxico da plataforma así como da súa proposta de gamificación, Alfonso Lago destaca que todo videoxogo, ademais dunha contorna técnica ou gráfica e de xogo propiamente dita , debe ter unha contorna narrativa e sonora. 

“A idea era desenvolver un xogo serio para a mellora da pronuncia en inglés e pensamos que que mellor contorna narrativa que un contexto histórico propio da nosa comunidade autónoma, de Galicia, e ese contexto histórico foi o Camiño de Santiago, onde o usuario, a parte de mellorar a pronuncia en inglés, pode coñecer a historia das distintas etapas, das vilas e aldeas ao longo das etapas e de personaxes que percorreron ese camiño. E todo baseado nun entorno sonoro con música de dous grupos galegos como son Luar na Lubre e Resonet”, detalla o docente e investigadora da UVigo.