DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes, 25 de outubro, ás 19.00 horas na Facultade de Comercio e en liña 

O subdirector de Fedea, Ignacio Conde-Ruíz, abordará nunha conferencia o futuro das pensións fronte o reto demográfico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/10/2022

Dentro do ciclo Diálogos con... do programa Leadership School, que a UVigo desenvolve en colaboración coa Fundación Banco Sabadell e a Fundación Mentor, o subdirector da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), Ignacio Conde-Ruíz, ofrecerá este martes, 25 de outubro, unha conferencia titulada Pensiones: ¿Cómo conciliar suficiencia y sostenibilidad frente al reto demográfico? O relatorio, que comezará ás 19.00 horas no salón de actos da Facultade de Comercio, tamén poderá seguirse en liña.

Conde-Ruíz é doutor en Economía pola Universidad Carlos III, catedrático de Fundamentos da Análise Económica na Universidad Complutense e subdirector da Fundación de Estudios de Economía Aplicada. Membro do Consello Asesor de Asuntos Económicos, órgano consultivo presidido pola vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos económicos e transformación dixital, Nadia Calviño, Conde-Ruíz tamén é conselleiro do Consejo Económico y Social-CES. A proposta do Ministerio de Trabajo y la Seguridad Social, formou parte do comité de expertos encargado de desenvolver o Factor de Sostenibilidade das pensións no ano 2013 e traballou na Oficina Económica del Presidente del Gobierno como director general de Política económica e como consultor externo do Banco Mundial.

Traxectoria investigadora

As súas áreas de investigación son a economía política, a economía pública (mercado de traballo e sistema de pensións) e a macroeconomía e os seus traballos realizados na Universitat Autònoma de Barcelona, no European University Institute de Florencia, na Università Bocconi en Milán e na Universitat Pompeu Fabra, foron publicados en revistas académicas como Review of Economic Studies, Journal of the European Economic Association, Journal of Public Economics, Economic Theory, The Economic Journal e Review of Economic Dynamics. Colaborador do blog Nadaesgratis.es, en 2014 escribiu o libro ¿Qué será de mi pensión?, publicado por Península (Planeta), para quen, neste intre está a escribir unha obra titulada Juventud atracada

Para asistir de xeito presencial ou seguir o relatorio en formato virtual cómpre inscribirse. Unha vez rematada a conferencia, celebrarase un debate.