DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase o 11 de abril en diversos espazos da cidade e do campus

Para superar as barreiras de idade e capacidades, volven as Xornadas Interxeracionais

70 estudantes de Educación Social participan na súa organización

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Música
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/03/2019

O día 11 de abril celebrarase en diversos espazos da cidade e do campus de Ourense as XVI Xornadas Interxeracionais. Arredor de 150 persoas con idades e capacidades diversas daranse cita nunha actividade que pretende, a través do xogo, rachar as barreiras que socialmente separan ás persoas segundo a súa idade ou capacidades. Na organización da actividade traballan desde principios deste curso académico 70 alumnas e alumnos de primeiro e segundo curso do Grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do centro, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e de Ategal, a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos.

“Nesta xornada, que este ano cumpre 16 anos, non importan as diferenzas entre as persoas nin a idade. É un día no que moitas persoas de diversas entidades se reúnen para xogar e realizar diferentes actividades de forma conxunta e onde só importa xogar e pasalo en grande”, comenta Tania Gándara, estudante que participa na organización da actividade. “Temos que estar contentos de que un ano máis cheguen as Xornadas Interxeracionais”, engade Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación. Para o centro, indica, esta iniciativa é moi relevante xa que por unha banda a súa organización recae no alumnado, “tendo a sorte ano tras ano de contar cun alumnado moi activo que asume esta tarefa”, e por outra banda porque estas xornadas “permítennos tecer redes dentro da cidade con diferentes colectivos, ábrenos a porta á sociedade”.

Un día de convivencia

O programa das XVI Xornadas Interxeracionais, que se desenvolverá ao longo de todo o día, arrancará como xa é tradición na Praza Maior de Ourense, onde se darán cita as e os participantes dos diferentes colectivos convocados. Para quecer motores desenvolveranse, baixo a dirección do alumnado de Educación Social, os primeiros xogos colectivos e a lectura do manifesto deste ano das xornadas. A actividade continuará de seguido nos Xardíns do Posío coa celebración dun amplo abano de xogos, trasladándose ás 14.30 h ao campus, concretamente á zona do estanque, onde haberá un pícnic amenizado por Sara e Bruno e xogos populares.

Trala merenda no Edificio de Ferro, a programación rematará cun concerto do grupo Xerock. Trátase, subliñan desde a organización, dun grupo de música galego que acaba de recibir o Premio Loitadores e de estrear un novo álbum chamado Conspiración. “XeRock é unha banda de música que nace no ano 2003 como resposta ás inquedanzas das persoas usuarias da Asociación San Xerome Emiliani, unha entidade que ao longo de catro décadas leva proporcionando todo tipo de apoios e servizos personalizados a persoas con diversidade funcional de tipo intelectual, así como aos familiares das mesmas co propósito de mellorar a súa calidade de vida, intervindo no ámbito persoal, educativo, familiar, laboral e social”, recalcan desde a organización das Xornadas Interxeracionais. “Retomamos a tradición de que nas actuacións musicais haxa representación dos colectivos que participan nas xornadas. Será todo un luxo ver como fan música estas persoas e como rachan con estereotipos tan enquistados na nosa sociedade”, engade Xosé Manuel Cid.

Diversión e compromiso

“Para o alumnado que participamos na organización sen lugar a dúbidas o día de celebración das xornadas é o mellor día de todo o curso porque para nós é un reflexo do que pode ser o noso futuro na educación social. Compensa todo o esforzo que facemos ao longo dos meses”, comenta Tania Gándara. Así, explica a estudante, “traballamos na preparación das xornadas desde primeiros de curso, divididos en diferentes grupos, de organización, de xogos, de merendas, etc. Cada un ten unha tarefa que facer”. Para as e os participantes, comenta Gándara, a implicación nesta actividade supón “compromiso, responsabilidade, diversión, traballo en equipo e moita ilusión". Á cita asistirán, ademais do alumnado dos dous cursos do Grao en Educación Social, escolares dun centro educativo rural, maiores das aulas de Ategal e membros de varias asociacións e entidades de persoas con diversidade funcional de Ourense e a súa contorna, seguindo o esquema de edicións anteriores. “Seremos en total arredor de 150 participantes”, comentan por último desde a organización da cita.