DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo de cine “A ollada moderna” de Alexander Kluge

Suso Novás afonda no papel da muller na sociedade xermana da 2ª metade do século XX

Nesta sesión proxectarase a obra “Traballos ocasionais dunha escrava”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 01/04/2008

O ciclo de cine A ollada moderna de Alexander Kluge, que terá lugar na Casa das Campás ata o vindeiro 20 de maio, continua este martes coa proxección Traballos ocasionais dunha escrava, unha das obras principais na filmografía do autor alemán.
Nesta cuarta sesión do programa, os asistentes poderán afondar, baixo a dirección do profesional Suso Novás, na industria cinematográfica da Alemaña da segunda metade do século XX e, máis concretamente, sobre o papel que a muller desempeñaba nesa sociedade. Segundo explicou Novás, “trataremos de conectar unha serie de camiños para facer un panorama da realidade xermana dos anos 70 a partir do que os espectadores recollan da proxección e poder así ver unha análise de como traballa o realizador”.
A historia contemporánea en Alemaña, a Segunda Guerra Mundial ou a problemática social que viviu o país desde mediados dos anos 60 ata a actualidade, son outros dos temas que se tratarán ao longo de todas as xornadas.

"Traballos ocasionais dunha escrava"

A obra que se proxectará esta tarde ás 19.30 horas na sede da vicerreitoría do campus, data do ano 1973 e conta a historia de Roswitha Bronski, unha muller casada, con tres fillos e que rexenta unha consulta médica de abortos co fin de alimentar a Franz, o seu marido estudante, e poder permitirse algúns descendentes máis. O realizador amosa no mesmo comezo do filme e con chocante exactitude as actividades da protagonista, pero o problema do aborto non é o tema principal da película, senón que Kluge pretende analizar no caso de Roswitha Bronski o papel da muller na familia, na sociedade.