DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo "A ollada moderna” na Casa das Campás

Suso Novás afondará no característico humor satírico que Alexander Kluge aportou ao novo cinema alemán

Coa proxección do filme “Ferdinando el duro”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 15/04/2008

Os asistentes á sexta sesión do ciclo de cine A ollada moderna de Alexander Kluge, poderán escoitar unha das clases maxistrais do profesional Suso Novás sobre a industria cinematográfica na Alemaña da segunda metade do século XX. Nesta ocasión afondarase especialmente no característico humor satírico que o realizador aportou ao novo cinema alemán apoiado no filme Ferdinando el duro, que se proxectará esta tarde na Casa das Campás.
A intención é “establecer un debate entre os participantes para analizar as doazóns que Kluge fixo á pantalla grande”, comentou Novás, baseado na que é probablemente a súa obra máis cómica, onde mellor desprega o seu humor satírico, que serve para resaltar o absurdo das situacións, dos razoamentos e dos comportamentos e que está totalmente ausente na filmografía da maioría dos seus colegas do novo cinema alemán.
O traballo de Kluge non está interesado en conquistar ao espectador nin en propor unha serie de asociacións predeterminadas, senón que confía na capacidade do ser humano para conformar o significado do filme na súa imaxinación, sen que nunca sexa preciso entendelo todo. Deste xeito, as súas películas estimulan ao público a que se relaxe e desenvolva a habilidade de establecer asociacións entre ideas totalmente dispares.

“Ferdinando el duro”

O filme que se proxectará na sexta sesión do ciclo de cine A ollada moderna de Alexander Kluge, data do ano 1976 e conta a vida dun xefe de seguridade dunha fábrica. Trátase dun extremista que non acepta moverse dentro do marco constitucional e as súas tarefas de vixilancia alcanzan ao director da empresa, a quen acusa de sabotar as fábricas veciñas, e a un ministro, a quen atenta para demostrar que soamente os seus métodos son seguros. A diferenza de outros filmes de Kluge, absolutamente radicais, esta é unha obra accesible e natural dentro da feroz sátira que presenta respecto aos perigos do poder e á paranoia dos vixiantes. O realizador alemán exhibiu esta película ante os obreiros que coñecían ben a personaxes como Ferdinando e aceptou o consello de agregar ao remate unha entrevista ao protagonista na que explica as súas intencións.