DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesionais Antón Galocha, Jorge Coira e Iggy Roca foron os protagonistas do debate

Unha táboa redonda e premios ás mellores webs dan un pulo á creación en galego na xornada “Resaca das Letras 2008”

O Duvi recibiu o primeiro “Premio RDL 08” na categoría de Información

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 21/05/2008

Poucos días despois da celebración do Día das Letras Galegas, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ofreceu a súa particular homenaxe á nosa lingua na xornada Resaca das Letras 2008, na que o director do Diario de Pontevedra, Antón Galocha, o catedrático da Universidade de Essex, Iggy Roca, e o realizador Jorge Coira, encabezaron un enérxico debate sobre a situación que actualmente vive o galego. Ademais, no evento mencionáronse aos gañadores dos Premios RDL 2008, dos que o Diario Dixital da Universidade de Vigo, Duvi, foi merecedor do primeiro posto na categoría de Información. Con esta iniciativa o que se pretende é “dar un pulo á creación en galego e crear un foro aberto no que os participantes poidan dar libremente a súa opinión”, comentou o encargado da actividade, Benigno Fernández Salgado.

O galego: idioma oficial ou teatro consentido?

Ao longo do debate no que o profesor da titulación de Xestión e Administración Pública, Xosé Mahou, exerceu como moderador, cada participante manifestou a súa opinión sobre si o galego está en vías de extinción e sobre que medidas se deben tomar para solucionalo. Ante tal proposición, os profesionais das letras amosaron unha postura un tanto pesimista en canto ao futuro da lingua e coincidiron na opinión de que “agora vívese nun teatro no que cada quen pode falar en castelán pero empregando termos en galego, tal e como fan os políticos e outras personalidades públicas”, subliñou Iggy Roca na súa intervención. Ademais, o lingüista apuntou varias ideas sobre o feito de que o idioma segue vinculado a determinadas clases sociais e sendo unha barreira en moitas situacións.
Por a súa banda, o director do Diario de Pontevedra, Antón Galocha, comezou un pequeno análise sobre a situación da prensa escrita en relación ao uso do galego e comentou que “a realidade é que a xente non lee xornais nesta lingua”, ao que engadiu que “o futuro está nas novas xeracións”.
O sector audiovisual tamén tivo un oco no debate e, da man de Jorge Coira, afondouse sobre a realidade que se está a vivir neste eido e que o propio realizador definiu como “irreal”. Actualmente existen axudas para facer traballos en galego pero a verdade “é que os filmes ródanse en castelán e logo pásanse ás outras linguas, polo que en realidade non existe producción na nosa lingua como tal”.
Todas estas afirmacións abriron un enérxico coloquio cos asistentes á xornada que manifestaron a súa postura de que é preciso facer cousas para axudar a que o idioma se manteña e obrigar ás autoridades a crear leis ou normativas que melloren a situación que actualmente vive o galego.

Primeiro Premio RDL 2008

Ademais da mesa redonda, dentro do programa de Resaca das Letras 2008, organízanse os Premios RDL aos mellores espazos virtuais en galego. Con unha selección previa e mediante unha votación na páxina http://resacadasletras.blogspot.com/, os participantes deciden “cales son as webs que ao longo deste ano destacaron pola súa información ou innovación”, comentou o profesor Benigno Fernández. As votacións, que permaneceron abertas ata as doce da noite do mércores, deron como gañador do Premio RDL 2008 na categoría de Información, ao Diario Dixital da Universidade de Vigo, Duvi, que xunto a páxina de Vieiros ocupaba o primeiro posto da clasificación.
Nas outras categorías pódese destacar o sitio www.galiciabanner.com, que na sección de Axencias Publicitarias ocupa o primeiro lugar ou a web da firma Reizentolo, que por segundo ano consecutivo levaría o Premio RDL na categoría Empresarial e Corporativa. Na Institucional, a Axencia Audiovisual Galega tamén ocupa un lugar destacado xunto a Tur Galicia co 20 % dos votos.