DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A curta ‘Van’, realizada por estudantes de CCSS e da Comunicación, forma parte da sección oficial

O talento do alumnado do campus faise un oco no Festival de Cans

Ariadna Cordal e David Fidalgo participan na categoría de animación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/05/2018

Un total de 252 producións galegas presentáronse neste 2018 a convocatoria aberta polo Festival de Cans para definir as curtametraxes e videoclips que ían integrar as seccións oficiais dun festival que, nunha edición que supuxo un récord de curtas inscritas, servirá tamén para exhibir o talento do alumnado do campus. Non en van, entre as 14 curtas seleccionadas na categoría de ficción do festival que dá comezo este mércores nesta parroquia do Porriño figura Van, a curtametraxe realizada por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na última edición do taller Celanova, plató de ficción; selección á que hai que sumarlle que Estela, unha curta dirixida pola alumna de Comunicación Audiovisual Ariadna Cordal, e Siglo XXI, obra do alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes, David Fidalgo, fosen dúas das seis pezas seleccionadas para a sección de animación.

Unha road movie que comeza a facer camiño

14 estudantes de Comunicación Audiovisual integran o equipo que, no taller que o profesor Paulino Pérez coordina no marco do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), deu forma a Van, unha curta inspirada no xénero das road movies rodada no Val Miñor que en febreiro estreaban no Teatro Principal de Pontevedra. “Que unha produción feita por alumnos estea na fase competitiva de Cans paréceme un logro bastante grande pola repercusión que ten o festival dentro do ambiente das curtas galegas e tamén á hora de xerar expectativas de cara a outros festivais”, sinala Pérez, coordinador do taller que a Universidade promove xunto á Fundación Carlos Casares. “Realmente é un xeito de pór en valor o talento que hai na facultade”, engade este docente da que é a primeira selección nun festival da curta dirixida por Cristina Brugos e Claudia Alonso. 

“Para nós xa é un premio que Van compita con autores xa consagrados dentro do audiovisual galego”, engade a alumna e produtora desta curta, Cecilia Gil, quen sinala tamén a motivación que esta escolla supón á hora de “seguir traballando noutros proxectos e tamén de levar a outros festivais e certames internacionais” unha curta que a vindeira semana se proxectara no quiosco da alameda de Pontevedra, dentro do programa do Sube ao palco, promovido polo Concello. En Cans, a curta competirá con traballos como a premiada Matria, de Álvaro Gago, ex-alumno de CCSS e da Comunicación, facultade na que se formou tamén Lucas Terceiro, autor doutra das curtas de ficción seleccionadas, así como Anxos Fazáns e Ángel Filgueira, que presentarán en Cans as súas longametraxes La Estación Violenta e Sevilla e Gomorra, ou Rubén Domínguez, seleccionado na categoría de videoclips.

Dúas estreas mundiais chegadas desde Pontevedra

Por cuarto ano consecutivo, entre os seleccionados na categoría de animación figura o alumno de doutoramento de Belas Artes David Fidalgo, que nesta ocasión presenta en Cans Siglo XXI, unha curta que a organización presenta no seu programa como “estrea mundial”, xa que ata o de agora só se exhibiu en exposicións de arte contemporánea. Presentada como unha “crítica irónica cara ao machismo que podemos ver na televisión”, na que se vale do uso da pintura acrílica parar intercalar diálogos “completamente reais con vídeos de gatiños, establecendo tamén certa crítica ao amor polo absurdo que abonda en internet”, Fidalgo Omil recoñece que “é xenial poder presentala por primeira vez nun festival, e que sexa en Cans, mellor”, trala boa acollida que recibiu nunha anterior edición a súa peza Sinceramente, yo ya no razono

“O Festival de Cans consolidouse coma un esencial do cinema galego, así que non podíamos estar máis contentos”, salienta Ariadna Cordal, directora de Estela, unha curta nacida dun traballo académico “sen apenas orzamento e apenas tempo”, que se exhibe tamén por primeira vez nun festival despois de recibir un accésit nos Premios de creación audiovisual da Universidade. “É unha curta de stop-motion sobre unha boneca que atopa unha estrela e ten unha pequena aventura”, relata Cordal desta peza da que destaca a iluminación e deseño de personaxes e é unha das seis seleccionadas nunha categoría na que tamén está presente tamén o ex-alumno da Facultade de Belas Artes Borja Santomé, coa súa curta experimental El Reloj.