DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre as curtas premiadas, figuran as dirixidas polos alumnos Miguel Gómez Abad e Yuri Salgado

O talento do campus brilla no Festival de Cans

‘O que queda de nós’ foi seleccionada tamén no GFFF e en Curtocircuíto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/09/2021

Nacida como un traballo para unha materia do grao en Comunicación Audiovisual O que queda de nós foi unha das quince curtas incluídas na sección oficial de ficción e animación da 18 edición do Festival de Cans, que a pasada fin de semana celebraba a súa entrega de premios, na que Lidia Veiga obtiña o galardón á mellor actriz polo traballo que realizou nesta curta dirixida por Miguel Gómez Abad. “Foi unha ilusión enorme, non só xa pola repercusión e visibilidade que dá o festival, senón porque cada ano que pasa é máis complicado estar”, salienta este estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cuxa curtametraxe foi tamén escollida para a sección oficial do Galician Freaky Film Festival (GFFF), así como para o festival compostelán Curtocircuíto.

Non obstante, O que queda de nós non foi o único traballo realizado polo alumnado do campus que formou parte das 33 curtametraxes seleccionadas para as seccións competitivas de Cans. De feito, Aleteado, curta que estudante Yuri Salgado realizou o pasado curso no marco do taller O ceo a medio facer, promovido pola Vicerreitoría do campus e o Festival Novos Cinemas foi elixida como gañadora da sección dedicada a creadores noveis, Novas Camadas. “A verdade é que o premio colleume totalmente por sorpresa”, recoñece Salgado do recoñecemento obtido por unha curtametraxe na que buscou representar “as diferentes etapas que sufrimos durante o confinamento”. Así mesmo, a sección de non ficción Furacáns acolleu a estrea de Só as árbores coñecen o son das balas, da alumna de doutoramento de Belas Artes Rebeca Lar. 

Percorrendo festivais “con humildade pero con ilusión”

Como “unha curta enmarcada nun contexto distópico, pero que ten como principal foco narrativo a relación entre unha nai e unha filla”, dúas cazadoras que “viven illadas nas montañas”, presenta Gómez Abad O que queda de nós, unha curta realizada por catorce estudantes do campus baixo o nome de O Faiado Filmes. “Dende o primeiro momento, eramos conscientes de que tiñamos un bo guión entre mans e de que reuníanse certas condicións que favorecían que a curta non quedase só nun traballo de clase”, salienta Gómez Abad, que incide neste punto tanto na implicación das actrices María Costas e Lidia Veiga como o “apoio total” que ao proxecto brindaron tanto o concello como a veciñanza da Fonsagrada, escenario da rodaxe. 

Neste municipio lucense, estreouse en agosto unha curta que, desde entón, iniciou un percorrido por diferentes festivais. Así, tras obter o segundo premio da 37 edición das Xociviga do Carballiño, chegou a súa escolla para Cans e neste mes de setembro proxectarase en Vigo, dentro da sección oficial do GFFF, mentres que en outubro poderá verse en Santiago, dentro da sección Supernova do festival internacional Curtocircuíto. “Cada selección é un punto máis de visibilidade, de que máis xente pode achegarse a curta e iso xa é un premio”, recoñece o seu director, que incide en que o obxectivo é seguir, “con humildade pero con moita ilusión”, tratando de facerse un oco en novos festivais. “Podo adiantar que a curta vai seguir movéndose e cruzará as nosas fronteiras”, engade.

Unha curta nacida do campus e o confinamento

No marco da programación de Novos Cinemas, un cineasta guía cada curso a unha serie de estudantes do campus na creación dunha curtametraxe, como aconteceu o pasado ano no obradoiro no que Yuri Salgado deu forma a Aleteado. Desde unha "perspectiva experimental, case onírica, que alude á calma e á esperanza de que máis pronto que tarde veremos a luz ao final do túnel”, este graduado en Belas Artes e alumo do máster de profesorado plasmou a súa visión do confinamento nun traballo do que xurado recoñeceu “o risco asumido na exploración de novas técnicas e estéticas”. Salgado recoñece este premio como “unha motivación para seguir creando pezas artísticas a través do medio audiovisual”, tendo en conta ademais de que se trataba da primeira vez que concorría coa súa curta a un festival.

Ademais de Aleteado, entre as curtas seleccionadas para a sección Novas Camadas figuraban tamén Bombas de palenque e Polonio 210, dos tamén estudantes do campus Martín Arufe e Iria Fiedrich e Paula Blanco, respectivamente.

Memoria e paisaxe

“A experiencia en Cans é xenial como espectadora, pero aínda máis como realizadora”, salienta Rebeca Lar, quen foi seleccionada por segunda vez cunha curta inserida nun proxecto, para o que conta cunha axuda Injuve, no que afonda nos vínculos entre a memoria histórica e a paisaxe galega. Baseada nas investigacións de Julio Prada, Aurora Marco e Xoán Carlos Abad, Só as árbores coñecen o son das balas “xurdiu por casualidade”, recoñece a artista e investigadora. “Cando estaba buscando os lugares onde asasinaron a persoas durante a guerra e a ditadura, gravei un par de imaxes sen intención ningunha e cando mirei as gravacións pensei que podía facer algo con elas”, salienta Lar, que retrata o propio proceso de investigación nesta peza. “Gravei a miña curta coa cámara de fotos e co móbil, así que para min foi unha alegría enorme a selección, sobre todo nun ano no que moitas das curtas de Furacáns tiñan financiamento institucional, xa participaran en varios festivais e recibiran premios importantes”, engade.