DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades de Vigo e Coruña comezarán a impartir o vindeiro curso o Máster en Ciberseguidade

Talento galego ao servizo da formación en ciberseguridade 

A titulación presentouse hoxe nunha xornada celebrada na EE de Telecomunicación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/05/2018

O Instituto Nacional de Ciberseguridad de España, Incibe, detecta cada ano 10.000 incidentes de seguridade nas redes e “a taxa vai en aumento, como a ciberdelincuencia, os ciberdelitos e as mafias, que xa moven máis cartos que o tráfico de drogas ou de armas”. Ignacio Caño, responsable de Innovación y Emprendimiento de Incibe, realizaba esta análise de situación esta mañá na xornada de presentación do Máster en Ciberseguridade que a partir do vindeiro curso 2018-2019 impartirán as universidades de Vigo e A Coruña, co obxectivo do “preparar profesionais ben formados nas técnicas, procesos e aplicacións da ciberseguridade e da protección da información, que sexan capaces de deseñar, implantar e mellorar sistemas seguros de datos na industria e nos servizos públicos e privados”, explican Ana Fernández Vilas e Carlos Carlos Dafonte, docentes e coordinadores do máster nas universidades de Vigo e A Coruña, respectivamente.

O programa, que ofrecerá 40 prazas, 20 por cada unha das dúas sedes, foi presentado esta mañá no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación nun acto que comezou coas intervencións do reitor en funcións da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e da vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da Universidade de A Coruña, Nancy Vázquez. “Este máster reúne o principal talento galego arredor dunha problemática que definirá o futuro que é a seguridade na rede”, afirmou Mato, que defendeu a necesidade de contar con formación especializada e actualizada. O reitor en funcións da Universidade de Vigo,  que lembrou que a institución leva anos traballando no ámbito da ciberseguridade coa celebración de xornadas e conferencias e, sobre todo, coa posta en marcha da Cátedra Deloitte en Ciberseguridade, agradeceu a boa acollida que a iniciativa de poñer en marcha un mestrado tivo por parte da UDC, xunto á que considera “se complementan e fortalecen as capacidades”. 

Pola súa banda, Nancy Vázquez asegurou que a universidade “é un referente para dar resposta á carencia existente en estudos de ciberseguridade. O aumento de ciberataques e novas ameazas precisa da incorporación de profesionais expertos en ciberseguridade para cubrir postos en diferentes tipos de organizacións que deben salvagardar datos”, asegurou a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da Universidade de A Coruña.

Formación nun campo de coñecemento en construción

O Máster en Ciberseguridade, que conta coa participación de atlanTTic e Citic, consta de 90 créditos ECTS, divididos en tres semestres, cun primeiro ano de clases presenciais, a elixir entre as sedes de A Coruña e Vigo e un último semestre con prácticas en empresas e un traballo final. “A ciberseguridade non é unha disciplina soamente técnica, senón que combina análise, xestión organizativa e manexo de situación. É un campo de coñecemento en construción, polo que existen moitas posibilidades de desenvolver proxectos e retos profesionais en colaboración dentro de empresas de campos moi distintos”, explican os coordinadores do máster, para quen a colaboración entre as universidades de Vigo e A Coruña “é moi natural desde o punto de vista académico”.

Ana Fernández Vilas e Carlos Dafonte destacan a modernidade, amplitude e equilibrio do programa de estudos do mestrado, que consideran “equilibra en xusta medida os coñecementos e a necesaria práctica”, ao tempo que sinalan que a ciberseguridade debe ser percibida publicamente “como un elemento básico, pero débil das tecnoloxías da información e require unha información especializada tanto no aspecto técnico como no de xestión, que non existía no SUG”.

Unha xornada para analizar as necesidades formativas e os seu valor estratéxico

Co catedrático de atlanTTic Fernando Pérez como moderador, celebrouse a primeira parte da xornada técnica organizada co gallo da presentación do mestrado, na que se abordou o valor estratéxico do máster para a sociedade. Ignacio Caño, responsable de Innovación y Emprendimiento de Incibe, foi o primeiro en intervir para explicar o labor desenvolvido polo Instituto Nacional de Ciberseguridad de España e xustificou a posta en marcha do mestrado que impartirán as universidade de Vigo e A Coruña “en resposta a unha demanda das empresas nun mundo en transformación dixital e no que a demanda de solucións en ciberseguridade aumenta”. Caño defendeu o talento como un elemento central na cadea de valor da ciberseguridade, formada en España por “moitas empresas pequenas, cunha alta fragmentación e na que nos próximos cinco ou 10 anos librarase unha loita por posicionarse”, asegurou.

Iago Fortes en representación da Rede Galega de Ciberseguridade e Fernando Súarez do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos e Arturo Ribargoda da Red de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridad, analizaron, pola súa banda, as perspectivas de emprego en Galicia, así como o ámbito da investigación. A xornada finalizou centrándose nas necesidades formativas e novos modelos empresariais, contando coa participación de representantes de Deloitte, Abanca, Eleven Paths, Grupo PSA e Gradiant.