DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables de proxectos de diferentes áreas participaron este xoves nas I Xornadas INOU

O talento dos investigadores ourensáns en once exemplos

Os seus traballos abranguen desde o mapa de risco de Ourense ata a necrópole de Barxacova

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/12/2013

Para os cidadáns de Ourense a actividade máis coñecida do seu campus é a formación de estudantes. Sen embargo, nos seus centros realizase unha intensa actividade investigadora que os seus grupos queren cada día máis dar a coñecer, para a súa valorización pero tamén como unha responsabilidade coa divulgación e coa transferencia de coñecementos á sociedade. Con estes obxectivos, once investigadores presentaron este xoves no Centro de Desenvolvemento da Fundación Novacaixagalicia os seus últimos traballos, que abranguen desde a elaboración dun mapa de riscos de inundacións na provincia ata o estudo da necrópole de Barxacova.

A cita celebrouse co gallo das I Xornadas de Investigación INOU, organizadas co obxectivo de amosar ao público interesado proxectos de investigación que foron financiados en 2011 e 2012 pola convocatoria de axudas INOU, da Vicerreitoría do campus e da Deputación de Ourense. María Lameiras, vicerreitora do campus; Xosé Antón Vila, director do CITI, e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, foron os encargados de inaugurar a sesión destacando que esta convocatoria ten o valor engadido de non só financiar investigacións senón de financiar estudos que teñen unha especial vinculación coa provincia e nos que participan investigadores emerxentes. Trala exposición de proxectos, as xornadas acolleron unha conferencia de Senén Barro, catedrático da USC e presidente de RedEmprendia.

Da historia á educación

Para comezar as xornadas expuxéronse dous estudos do eido das humanidades. Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, e Eduardo Breogán Nieto falaron do proxecto arqueolóxico levado a cabo no enclave medieval de San Vítor de Barxacova no contexto da paisaxe do canón do río Mao. Pola súa banda, o docente Julio Prada presentou os resultados dunha aproximación histórica á sociabilidade nos balnearios ourensás desde a Restauración á actualidade. “O traballo pon en evidencia a importancia dos balnearios como centros de sociabilidade nos que se tecen estratexias políticas, negocios e matrimonios e nos que, en definitiva, se desenvolven formas de sociabilidade que inicialmente son exclusivas das clases altas pero que acaban por popularizarse como consecuencia do proceso de democratización do ocio que se produce no Estado español dende principios dos anos 60”, explicou Julio Prada.

No eido xurídico, Trinidad Domínguez amosou os resultados do seu estudo sobre turismo sénior e a súa vinculación co sector termal, destacando o seu potencial e aplicabilidade para a actividade turística de Ourense. “Este sector pode xerar grandes oportunidades xa que o público sénior é cada vez máis numeroso e amosa un grande interese polas novas propostas que lle presenta a industria turística”, comentou a investigadora. Pola súa banda, profesor José María Failde explicou a súa investigación sobre o perfil clínico, personalidade, estilos de condución e características sociodemográficas dos penados por delitos contra a seguridade viaria na provincia. Tras realizar un estudo con 152 participantes, o investigador definiu o perfil destes infractores como o dun home, duns 37,8 anos, solteiro/separado/divorciado, con estudos primarios ou primarios incompletos, cunha condución agresiva e nun 67% dos casos con adicción ao alcol, entre outros aspectos.

Da ciencia á tecnoloxía

No eido científico, os proxectos que se presentaron foron tres. O primeiro foi un estudo mecanístico de reaccións catalizadas por ouro e deseño de novos catalizadores, a cargo da investigadora Olalla Nieto. O segundo foi unha análise da mellora da capacidade competitiva das destilerías ourensás e empresas afíns mediante o desenvolvemento dun novo augardente/licor baseado no emprego de lúpulo galego como herba aromática, a cargo de Laura Vázquez. “A variedade de lúpulo galego Saaz resultou ser a mellor opción para mellorar ou desenvolver novos licores de herbas”, apuntou a investigadora. O terceiro proxecto científico foi o de María Fernández, que afondou na optimización de modelos preditivos de riscos de infección e de colleitas nos viñedos do Ribeiro. “Realizamos o estudo para catro variedades e os modelos realizados permiten, coas súas predicións de dous ou tres meses de antelación e baseándose en datos de meteoroloxía, fitopatoloxía e polinización, optimizar os traballos na bodega, o tratamento fitopatolóxico e outras moitas tarefas”, salientou a investigadora.

Xa no ámbito tecnolóxico foron catro os traballos que presentaron. José Manuel Sorribes presentou un framework para a xeración de aplicacións de promoción turística para teléfonos intelixentes. “O sistema permite a calquera organismo público xestionar toda a información dos recursos turísticos e culturais que son visualizados nos smartphones dos usuarios, así como xerar a aplicación móbil de forma totalmente automatizada e sen necesidade de intervención técnica cualificada", apuntou o seu craedor. Pola súa banda, Anxo Barreiro presentou un estudo de inundacións e elaboracións de mapas de risco para a provincia. A través de métodos computacionais os investigadores deste proxecto abordan a interacción de fluídos con estruturas, calculan os niveis de auga que se poden alcanzar en inundacións e elaboran mapas das áreas ou territorios que teñen alto risco de ser inundadas na provincia. Antes de rematar as xornadas, Arturo J. Méndez Penín presentou un traballo no que se demostra a posible aplicabilidade do estudo da variabilidade da frecuencia cardíaca para a valoración do risco suicida en condicións clínicas reais. Por último, David Olivieri presentou un estudo sobre as vacinas baseadas en epítopos para a gandería de Ourense. “O obxectivo deste proxecto foi desenvolver unha ferramenta inmuno-informática e unha infraestrutura de base de datos co propósito de crear vacinas a medida”, explicou o investigador.