DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle un obradoiro de iniciación ás principais técnicas de traballo con estes materiais

Un taller achega ao alumnado as potencialidades contemporáneas da cerámica

Impartido polo artista Pablo Rodríguez Barreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/11/2018

Tradición e contemporaneidade son dous conceptos asociados á cerámica, unha técnica que forma parte da historia de diferentes épocas e sociedades, pero tamén de proxectos contemporáneos nos eidos da arte ou o deseño. Achegar ao alumnado unha serie de nocións que lles permitan idear e desenvolver os seus propios proxectos valéndose de materiais cerámicos e das técnicas de traballo máis habituais, pero tamén proporcionarlles unha serie de referencias respecto dos múltiples usos da cerámica na actualidade constitúen dous dos obxectivos centrais do taller Cerámica Agora, que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Belas Artes. 

Inserido na programación de obradoiros impulsada para este primeiro cuadrimestre pola Vicerreitoría do campus, o taller que dirixe a profesora da facultade Chelo Matesanz e imparte o licenciado en Belas Artes pola Universidad de Salamanca e técnico superior de escultura pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo Pablo Rodríguez Barreiro reúne nestas semanas a preto de 20 alumnos e alumnas, estudantes de Belas Artes na súa gran maioría, pero tamén persoas alleas á comunidade universitaria. De 30 horas de duración, o taller defínese, como sinala Barreiro, “por un enfoque eminentemente práctico” coa idea de que as e os alumnos “sexan independentes á hora de pensar proxectos con cerámica” que vaian máis aló da súa dimensión “máis artesanal e funcional”.

Referentes contemporáneos e proxectos propios

O achegamento práctico ás principais técnicas de traballo combínanse non obstante en cada sesión cuns apartados de carácter teórico “sobre o material cerámico e, sobre todo, sobre unha serie de referentes da tradición e da contemporaneidade que centran o seu traballo dalgunha forma na cerámica”, sinala Rodríguez Barreiro. Polo xeral “temos un enfoque máis tradicional da cerámica, un pouco cinguido á olería”, engade o responsable deste curso, que nese senso busca que esta parte teórica sirva para presentar unha serie de propostas “que desde a arquitectura, a arte ou o deseño teñen a cerámica como un material que se utiliza na contemporaneidade”. A partires de aí, o taller defínese polo propio traballo práctico do alumnado, no que Barreiro vai propoñendo “unha serie de exercicios básicos para comprender como se comporta a cerámica" baseados en tres técnicas , "o churro ou colombino, as placas e o belisco”, tres técnicas empregadas por diferentes culturas “desde hai séculos” e ás que o alumnado deste curso se achega tanto desde unha óptica máis histórica como desde “perspectivas máis experimentais”. 

Neste punto, explica o artista responsable deste obradoiro, búscase tamén que o alumnado poida ir propondo e desenvolvendo as súas propias pezas, nalgúns casos relacionadas con propostas persoais ou coas liñas de traballo dos seus traballos de fin de grao ou máster. “O interesante do curso é que se desenvolvan pezas diferentes para que eles teñan unha perspectiva máis ou menos ontolóxica da cerámica”, que abranga desde as diferentes técnicas de traballo coa arxila aos procesos de esmaltado e cocción final, engade Rodríguez Barreiro, que incide nese senso en que un dos propósitos a actividade é “estimular a mirada do alumno” respecto das posibilidades que lles proporciona esta disciplina.