DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fundación ONCE seleccionouno no programa 'Oportunidad al talento'

Tarek Blkraiet, un exemplo de como rachar as barreiras da discapacidade

A convocatoria trata de fomentar a educación de excelencia das persoas con necesidades especiais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 18/12/2019

O acceso do alumnado con discapacidade a estudos de grao e posgrao en igualdade de condicións segue a ser un reto para a sociedade actual. Pero se a unha discapacidade se lle suma o estudar nun país estranxeiro, nunha lingua diferente e nunha cultura allea, o reto multiplícase. É o caso de Tarek Blkraiet, estudante da Universidade de Vigo que acaba de ser seleccionado pola Fundación ONCE como receptor dunha das 104 bolsas da convocatoria Oportunidad al talento, unha iniciativa que trata de dar apoio económico do alumnado con necesidades especiais e promover, ao tempo, o acceso a ámbitos académicos nos que a súa participación por diversos factores é aínda escasa.

Blkraiet é tunisiano, ten 24 anos e unha discapacidade física na man esquerda. Chegou a Galicia ao abeiro do programa Erasmus hai tres anos e decidiu ficar aquí. Tras pasar polo campus de Ourense, actualmente cursa o Máster en Administración Integrada de Empresa e Responsabilidade Social Corporativa na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. Recoñece que esta axuda, ademais de representar unha achega económica importante, supón “unha motivación para continuar adiante cos meus obxectivos”.

E é que a finalidade da convocatoria da Fundación ONCE é fomentar a educación de excelencia das persoas con discapacidade co fin de que poidan ter acceso a empregos técnicos e cualificados nun contexto no que a formación superior é cada día máis necesaria debido ás esixencias de recursos humanos das empresas. A axuda, cunha contía de 3000€, pretende aumentar o grao de especialización dos estudantes seleccionados, mellorando así a futuro a súa empregabilidade e o seu progreso profesional.

Boa acollida na Universidade, entre Ourense e Vigo

Blkraiet, a pesar da súa discapacidade e de terse marchado a un país cunha cultura e unha lingua descoñecida, foi cumprindo etapas na súa carreira académica. Recoñece que a pesar dos atrancos, “a vida universitaria é moi bonita, aprendín moito e coñecín moita xente, con momentos bos e malos pero, ao final, en conxunto é unha experiencia rica”. Explica que pola súa discapacidade nunca o fixeron sentir menos que os demais, “a maioría de xente trátame con respecto”. 

En todo este camiño, explica que atopou moita axuda por parte da Universidade de Vigo dende o primeiro momento. “Ofrecéronme as mellores condicións para estudar de maneira cómoda e, ante calquera problema, mo resolveron en cando puideron; estou moi satisfeito polos servizos e a apoio”, puntualiza. Lembra que cando chegou ao campus de Ourense, hai tres anos, o idioma foi unha das principais barreiras, “pero os meus profesores axudáronme moito e foron un apoio para facerme entender cos meus compañeiros, cos que establecín relacións moi agradables”. Agora en Vigo, xa con máis dominio da lingua, o contacto é máis fluído, pero tamén explica que se sinte moi ben acollido por docentes e compañeiros de máster. “O primeiro semestre foi xenial, pero con moito traballo”, recoñece. 

Con todo, e a pesar de que percibe que se está avanzando moito e que as institucións están facendo ben o seu traballo, bota en falta máis campañas de sensibilización en diferentes espazos universitarios “para que as e os estudantes aprendan como tratar e prestar apoio ás persoas con discapacidade”.

Pero neste tampo en Galicia tamén tivo tempo para coñecer a súa xeografía, cultura, natureza, etc. O seu primeiro destino, Ourense, defíneo como unha cidade tranquila, “no corazón da natureza con un río formidable”. Outros dos lugares que máis lle gustan son os miradoiros de Parada de Sil, “unha paisaxe moi bonita con magníficas vistas”, e tamén Baiona, Coruña, Santiago e a súa catedral… Agora reside en Vigo, cidade que aínda está a descubrir, con moi boas sensacións pero da que lle chaman poderosamente a atención as subidas. En xeral, considera que Galicia é unha terra de xente “de mentalidade aberta e respectuosa” na que sempre se sentiu moi apoiado.

Máis de 400 solicitudes para 104 bolsas

A convocatoria Oportunidad de Talento, que nesta edición supera o cento de axudas, foi crecendo dende que se puxo en marcha hai cinco anos, tanto en número de bolsas concedidas como de candidaturas recibidas pola Fundación ONCE. Así, no primeiro ano houbo 237 solicitudes para un total de 54 bolsas, na actualidade son xa 413 solicitudes para 104 bolsas.

Destaca a alta demanda para as axudas de mestrado e doutoramento, xa que para as 40 bolsas de máster que se concederon nesta edición recibíronse 178 propostas. solicitudes e para as cinco de posgrao foron 76 solicitudes, todas elas cun moi alto nivel como recoñecen dende a Fundación ONCE. De feito, na valoración das solicitudes en todas as modalidades participan tanto a CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) como CERMI, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade. Ambos organismos estiveron representados este martes no acto de entrega das bolsas que tivo lugar en Madrid. 

Ademais das 40 bolsas de mestrado, a convocatoria comprende 25 axudas de mobilidade internacional de 6000 euros cada unha, 25 para estudos e deporte de 3000€, cinco de doutoramento, de 12.000€ e outras tantas de investigación, cunha contía de 25.000€. Do total das bolsas concedidas nesta convocatoria, 60 foron para homes e 44 para mulleres, tendo a maioría delas e deles (59%) unha discapacidade física. O resto das persoas beneficiarias teñen discapacidade visual (15%), múltiple (14%), psicosocial (7%) e auditiva (5%). Ademais, xunto con Tarek Blkraiet outros seis estudantes galegos beneficiáronse desta convocatoria.