DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense chega a un 101% de ocupación e Vigo e Pontevedra a un 98%

A taxa de matriculación de novo ingreso nas titulacións de grao da UVigo acada este curso o 99%

O número total de estudantes matriculados en todas as titulacións supera os 18.500 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/10/2022

O 99% das prazas de novo ingreso en titulacións de grao que a Universidade de Vigo ofertou este curso 2022/2023 quedaron cubertas, acadándose a cifra de 3667 estudantes matriculados, dos que 1934 son mulleres e 1733 homes. O campus de Ourense cun 101%  de ocupación e 1021 matriculados é o que maior taxa de ocupación logrou, seguido dos de Vigo (1938 matriculados)  e Pontevedra (708), nos que se rexistrou un 98% de taxa de ocupación. Respecto do curso pasado, a UVigo incrementou a súa taxa de ocupación en matriculacións de novo ingreso en titulacións de grao nun 1%, pasando do 98% de 21/22 ao 99% de 22/23. En canto ao dato global de matrícula, que inclúe todos os cursos dos graos, así como mestrados e  programas de doutoramento, cuxa matrícula aínda non está pechada, neste curso 22-23 o número de alumnos e alumnas que estudan nos tres campus da Universidade de Vigo sitúase en 18.577 (9904 en Vigo, 4677 en Ourense e 3905 en Pontevedra), unha cifra á que cómpre engadir o alumnado do Programa de maiores, que acada os 432, dos que 233 cursan estudos no campus de Vigo, 100 en Ourense e 99 en Pontevedra. 

O reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Estudantes e empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, foron os encargados hoxe de presentar e avaliar os datos de matrícula que a institución académica viguesa está a presentar este curso e que Reigosa cualificou de “satisfactorios”, asegurando ademais que “subliñan que vivimos unha situación favorable nunha contorna desfavorable” por mor do descenso demográfico. O reitor destacou como unha das claves dos bos resultados acadados na matrícula de novo ingreso dos graos  o elevado interese que suscitaron as novas titulacións implantadas no campus de Ourense, Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial, ao tempo que manifestou a súa expectativa en que poida ocorrer o mesmo o curso que vén coa implantación dos graos en Enxeñaría da automoción en Vigo e de Deseño en Pontevedra. Iso si, Reigosa asegurou que cómpre seguir a mellorar os datos rexistrados na matrícula de mestrado e doutoramento a través da atracción de alumnado estranxeiro, que agarda se materialice a través da negociación que están a desenvolver as tres universidades para solicitar á Xunta que facilite a chegada de alumnado dos países de América Latina, a través dun proceso de admisión especial e con prazas adicionais, que non diminuirían a oferta actual. Así mesmo, o reitor, expresou a súa confianza no éxito da candidatura presentada por ATHENA, e da que a UVigo forma parte, “que pode incrementar o número de alumnado europeo, pero tamén o chegado de Asia”, sinalou Reigosa, que lembrou que a captación de estudantado estranxeiro segue a ser unha eiva de toda a universidade española.

“Os datos indícannos que as cousas se fan ben e temos este recoñecemento” dixo o reitor, que non se amosou preocupado pola taxa de ocupación acadada na primeira matrícula dos graos con menor demanda nos tres campus: Enxeñaría dos recursos mineiros e enerxéticos e Filoloxía aplicada en galego e español en Vigo; Enxeñaría agraria en Ourense e Enxeñaría forestal de Pontevedra. Reigosa indicou que se segue a traballar nestas titulacións, algunha das cuais podería pasar a ser interuniversitarias e pediu “ir a modiño”, asegurando que “creo que agora non hai ningunha titulación en risco de desaparecer”, ao tempo que manifestou a sua estrañeza porque algunhas destas titulacións con menor demanda, teñan, non obstante, pleno emprego para os e as súas egresadas.

Matrícula de novo ingreso nas titulacións de grao 

3709 prazas de novo ingreso (1974 en Vigo, 1015 en Ourense e 720 en Pontevedra) en 62 titulacións de grao, sen incluír ás do Centro Universitario da Defensa, ofertou este curso 2022-2023 a Universidade de Vigo. Delas, 3667 quedaron cubertas, o que sitúa a taxa de ocupación no 99%, sendo o campus de Ourense cun 101% (1021 prazas cubertas) o que maior taxa acadou, seguido dos de Vigo (1938) e Pontevedra cun 98% (708). En canto á distribución por xénero, das 3667 persoas matriculadas no primeiro curso das 62 titulacións de grao ofertadas, 1934 (53%) son mulleres e os 1733 restantes (47%), homes. 

As titulacións con maior taxa de ocupación do campus de Ourense foron os graos de Relacións internacionais (123%), Dereito (122%) e Xeografía e historia (120%); mentres que no campus de Vigo os que acadaron as mellores porcentaxes de ocupación foron o PCEO en Enxeñaría biomédica e electrónica industrial e automática (150%), Dereito (126%) e Enxeñaría electrónica industrial e automática (120%).Pola súa banda, no campus de Pontevedra o Grao en Educación primaria acadou un 115% de taxa de ocupación, seguido de Educación infantil (113%) e Ciencias da actividade física e do deporte (106%). Pola contra, o Grao en Enxeñaría dos recursos mineiros e enerxéticos (18%) do campus de Vigo; o Grao en Enxeñaría agraria (24%) do campus de Ourense e o Grao en Enxeñaría forestal (51%) do campus de Pontevedra, son os que rexistran este curso menor taxa de ocupación.

Respecto do curso pasado, a matriculación de novo ingreso en titulacións de grao increméntase pasando do 98% ao 99%, aínda que o número de estudantes matriculados descendeu dos 3728 do curso 21/22 aos 3667 deste curso 22/23. Pola súa banda, o número de alumnas e alumnos matriculados en todos os cursos de grao ascende este curso a 15.770. 

Datos de mestrado, cifras globais, Programa de maiores e alumnado estranxeiro

Neste curso un total de 1350 alumnas e alumnos iniciaron estudos nos 60 títulos de mestrado ofertados pola UVigo, que ocupou un 77% do total de prazas de novo ingreso (1752). Por campus, en Vigo iniciaron os seus estudos de máster 598 estudantes e a taxa de ocupación sitúase no 67%; en Ourense son 203 os estudantes de novo ingreso e 81% a taxa de ocupación e en Pontevedra o número de alumnos elévase a 218 e a taxa de ocupación en 93%. A isto cómpre engadir os mestrados intercampus en Avogacía e Profesorado en educación secundaria que acadaron taxas de ocupación en primeira matrícula do 62 e o 97%, respectivamente. Respecto do curso pasado, a taxa de ocupación baixou do 80 ao 77%.

Á espera de que se pechen os últimos prazos de matrícula de doutoramento, a día de hoxe, 18.577 alumnos e alumnas cursan os seus estudos en todos os cursos das titulacións de grao, mestrado e doutoramento na UVigo. Por campus, 9904 estudan en Vigo, 4677 en Ourense e 3905 en Pontevedra. Pola súa banda, o Programa da maiores  acada este curso un total de 432 estudantes matriculados (368 no programa universitario sénior e 64 no superior sénior), dos que 233 cursan estudos no campus de Vigo, 100 en Ourense e 99 en Pontevedra. 

En canto ao alumnado estranxeiro, 139 estudantes cursan titulacións de grao e 205 de mestrado, o que confirma un incremento respecto o curso pasado, no que os estudantes de grao foron 62 e 186 de mestrado. Portugal é o país de procedencia da maior parte do alumnado estranxeiro da UVigo, que por continentes, recibe a maior parte de estudantes foráneos de Italia e Alemaña (Europa); Marrocos e Exipto (África); China e India (Asia) e Ecuador e Arxentina (América).

Respaldo de Reigosa á candidatura de Ourense para acoller a Axencia de IA

Na súa comparecencia ante os medios e a preguntas dos xornalistas, o reitor da UVigo reiterou o seu apoio á candidatura de Ourense para acoller a Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial. Tras lembrar que tecnicamente non resulta posible presentar candidaturas conxuntas, Reigosa incidiu nos que considera puntos fortes da candidatura ourensá: a conexión con Madrid a través do AVE, a oferta do Concello do edificio de La Molinera, ademais de ser “un sitio bo, porque o Goberno quere descentralizar”. O reitor lembrou que fóra de Galicia hai competidores moi fortes ,de aí a importancia de que a comunidade presente a mellor candidatura e “nós estamos traballando dentro do nodo de IA para presentar a mellor opción”. Unha vez coñecida a candidata galega, Reigosa asegurou que a UVigo será “respectuosa co que decida, primeiro o nodo de IA, e logo a Xunta”.