DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un novo estudo do Observatorio Económico Ourensán

A taxa provincial de ocupación entre 16 e 65 anos é a máis alta da última década

Nel sinálase que a estrutura socio-laboral de Ourense permítelle “unha maior resistencia”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 09/11/2020

O Observatorio Económico Ourensán, iniciativa da Deputación de Ourense dirixida por Andrés Mazaira, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, sinala nun novo estudo sobre o impacto da crise da covid-19 “que a estrutura socio-laboral outorga a Ourense unha maior resistencia en ocupación na primeira fase da pandemia”. Os efectos da crise, detállase no traballo, revelan un novo escenario socioeconómico da provincia: taxa de ocupación, entre 16 e 65 anos, máis alta da última década e descenso do número de pensionistas mantendo a nómina global.

O documento foi presentado este luns por Andrés Mazaira e polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O presidente do goberno provincial destacou na súa intervención que os datos “revelan que algo está a cambiar nos nosos comportamentos, que hai novas perspectivas, unha economía social que se transforma, e que Ourense avanza por un camiño diferenciado da súa contorna”. Pola súa banda, Andrés Mazaira indicou que hai un conxunto de factores, “como a menor dependencia de sectores como o turístico, a fortaleza do sector agroalimentario ou a estabilidade que producen, en termos de ocupación e rendas, os empregados e as transferencias publicas directas, que, no curto prazo e a diferenza doutros territorios, dotan á economía ourensá dunha maior inelasticidade ante as modificacións bruscas dos ciclos económicos”.

Descenso do número de pensionistas

O observatorio elabora as súas conclusións partindo dos datos de fontes oficiais, entre eles a Enquisa de Poboación Activa (EPA), paro rexistrado no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) ou afiliacións á Seguridade Social. Segundo indican en nota de prensa desde a Deputación, “o peso das achegas directas das administracións aos 26.400 empregados públicos da provincia ou as preto de 100.000 persoas que perciben algunha pensión, dan unha cobertura significativa e singularizada á poboación. Non en balde, os beneficiarios das pensións en Ourense repártense ao redor de mil millóns de euros anuais”. Polo que á economía produtiva se refire, indican desde a entidade, as cifras da EPA do terceiro trimestre elevan a 115.700 as persoas ocupadas, 6300 máis que no trimestre anterior e 4600 máis que a medición da EPA do terceiro trimestre do ano 2019. En termos comparativos, sobre o segundo trimestre, o crecemento de ocupados é dun 5,76%, fronte ao 3,07% de Galicia e o 3,06% de España. Na taxa interanual Ourense medra un 4,14%, ao contrario que en Galicia e en España, onde se constatan caídas do -2,09% e do -3,51%, respectivamente. “É dicir, recupéranse os ocupados perdidos durante o primeiro confinamento e supéranse os do mesmo período de 2019”, sinalan desde o observatorio.

Esta mellora no nivel de ocupación, sinálase no documento, “reflíctese tamén tanto no número de horas traballadas na provincia (Ourense é a única provincia galega no que evoluciona positivamente este indicador respecto ao mesmo trimestre de 2019 cun crecemento da 3,51% fronte ao descenso do -3,33% para o conxunto de Galicia), como na taxa de ocupación que ascende ata o 62% dos ourensáns en idade de traballar (entre 16 e 65 anos), unha cifra descoñecida nos terceiros trimestres do últimos dez anos”. Nese contexto xeral, destácase o comportamento da ocupación na industria da alimentación, cun crecemento interanual por riba do 43%. Polo que respecta ao paro, desde o Observatorio Económico Ourensán indican que a EPA do terceiro trimestre “certifica un acusado descenso do paro”, que agora afecta a 13.500 ourensáns e ourensás, baixando un -17,7% nun trimestre, mentres en Galicia subiu un 0,9% e un 10,5% no resto de España. Na taxa interanual o descenso é dun -19,2%, fronte a un ascenso do 1,6% en Galicia e un 15,8% en España.

A translación do emprego ás cotizacións á Seguridade Social revela, segundo indican desde a Deputación de Ourense, que no terceiro trimestre deste ano hai dez comarcas que ven medrar as afiliacións respecto ao segundo trimestre, todas menos as comarcas de Ourense e Terras de Celanova. A pesar disto, “en outubro obsérvase un descenso de afiliacións no réxime xeral con respecto a setembro, o que se podería atribuír ás medidas de confinamento aplicadas pola Xunta en O Carballiño, Ourense e Verín, mentres que o descenso nos cotizantes do sector agrario gardaría relación co adianto da vendima e outras tarefas agrícolas”, indicase no documento. Os mesmos motivos, engádese, levan a situar o paro rexistrado polo SEPE en 18.059 persoas, “unha cifra moi próxima á dos meses de abril e maio deste ano, co que se acurta o diferencial na evolución do desemprego que acumulara ao seu favor a provincia fronte ao resto de Galicia”.

Polo que respecta á tipoloxía dos ingresos nos fogares, a porcentaxe de asalariados e asalariadas do sector privado en Ourense, indícase desde o observatorio, é 6,3 puntos menor que no resto de Galicia. Pola contra, tanto a porcentaxe de asalariados con emprego público como de empresarios e traballadores independentes superan ao da media de Galicia (4,6% e 2,1%), mentres que a relación entre número de pensionistas e poboación de entre 16 e 65 anos supera os dez puntos. Por último, con respecto á factura das pensións en Ourense, desde a entidade indican que se reflicte un descenso no número de perceptores, coa cifra máis baixa en dez anos. “Este descenso non ten reflexo nunha redución na nómina das prestacións (que se mantivo en outubro por riba dos 80 millóns), pola subida da pensión media dos novos perceptores”, sinalan desde o observatorio.