DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación na Miteu dun grupo de estudantes, que foron recibidos na Vicerreitoría

O teatro abre unha liña de colaboración no eido cultural entre o campus pontevedrés e a Universidade do Minho

Esta tarde pechan a mostra coa estrea da súa obra 'Roleta Mortis'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Teatro
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/06/2023

Impulsar unha liña de colaboración no eido cultural coa Universidade do Minho foi o do motivo central dun recente encontro entre representantes da institución portuguesa e da Vicerreitoría do campus, que ten como primeiro resultado a participación, na tarde deste venres, dun grupo de estudantes de teatro chegados desde Braga na xornada de peche da Miteu. Horas antes de estrear no Teatro Principal a súa obra Roleta Mortis, este grupo de alumnos e alumnas foron recibidos na Casa das Campás pola vicerreitora Eva María Lantarón e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, así como polo coordinador desta mostra, Salvador del Río.

Esta colaboración, que permite ademais achegar esa “compoñente internacional”, como sinala Lantarón, á XIV edición destra mostra, parte do encontro mantido recentemente coa vicerreitora de Cultura e Territorio da Universidade do Minho, Joana Aguiar, e a pro-reitora de Comunicación Institucional, Teresa Ruão. O seu obxectivo, sinala Lantarón, é promover un “intercambio cultural e abrir fronteiras”, posibilitando iniciativas como que este grupo de estudantes “poidan vir aquí e mostrar todo o que aprenderon ao longo do curso a través desta obra”, pero tamén que as de teatro ou de música tradicional do campus poidan participar en actividades en Portugal. Do mesmo xeito, búscase tamén “aproveitar as sinerxías que podemos fomentar e que poden axudar a engrandecer ás dúas universidades, tanto a do Minho como a de Vigo”, engadiu a vicerreitora, que sinalou a vontade de que esta colaboración poida ir máis aló do cultural “e que tamén nos axude na especialización do campus e a facer visible o Campus Crea”.

Peche a dúas semanas de mostra

Dirixida polo estudante de Universidade de Minho Ricardo Pinho, Roleta Mortis, unha obra baseada no libro Crimes Exeplares de Max Aub pon o peche esta tarde a esta nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, que Pontevedra recuperaba o pasado ano despois de doce anos de interrupción. Tratarase ademais da primeira representación dunha peza realizada por un grupo de cinco estudantes de Teatro na institución portuguesa, unha formación que, como explica Pinho, engloba diferentes aspectos relacionados coas artes escénicas, “desde a parte técnica ata a parte da interpretación, a escenografía ou a iluminación”. 

Previamente, a Miteu permitiu mostrar no Teatro Principal diferentes obras xurdidas das aulas teatrais dos tres campus da UVigo. A pasada semana, a programación arrancaba con Incendios, da aula do campus vigués, e continuaba con O mundo como vontade, do grupo Maricastaña de Ourense, para pecharse con Intermitencias, montaxe realizada no taller teatral do campus pontevedrés. Na noite de xoves, puido verse As cidades agochadas, do grupo Maricastaña, inserido tamén nas aulas do campus ourensán, no que foi o penúltimo espectáculo desta mostra.