DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada da Aula Aberta de Educación abordou esta cuestión

Teatro e literatura para eliminar prexuízos cara a lingua galega

Contou coa participación de Talía Teatro, Raquel Castro e Miguel Rodríguez Carnota

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Ourense 29/04/2022

Co dobre obxectivo de fomentar o espírito crítico e o uso do galego, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense puxo en marcha recentemente unha Aula Aberta, un espazo de reflexión crítica e participación aberto á comunidade universitaria e á sociedade en xeral. A súa programación para este curso académico, que levou o lema Á espreita dos ríos subterráneos, pechouse este xoves pola tarde cunha sesión titulada Ríos subterráneos: puxa nos prexuízos!. “Nesta sesión quixemos promover a reflexión sobre que linguas usamos, como as usamos e por que”, comentou Ana Iglesias, profesora do centro en nome da organización.

A actividade comezou coa representación teatral A parábola do angazo, de Talía Teatro, “que intenta poñer o público ante comportamentos lingüísticos que seguros que moitos de nós facemos, sen analizalos nin preguntarnos por que, sempre en clave cómica e desde o respecto coas diferentes opcións”, tal e como explicou Ana Iglesias. Seguíronlle as intervencións de autores que escribiron obras sobre esta mesma temática das linguas, sobre a súa diversidade e, sobre todo, “que invitan á análise crítica do que está a ocorrer coa nosa propia lingua”. Tratouse de Raquel Castro, docente e autora, entre outras, da obra A vendedora de palabras, que ten tratado estes prexuízos nos seus libros, e Miguel Rodríguez Carnota, docente xubilado e autor do ensaio que acaba de publicarse Lingua, poder e adolescencia, derivado da súa tese de doutoramento.

“Coa obra de teatro rímonos moito e seguro que máis de un se sentiu identificado coas situacións que vimos sobre o escenario. E no debate posterior da sesión quedounos claro a importancia do humor e do teatro para tratar temas incómodos e para transmitir calquera contido”, comentou Ana Iglesias. Ademais, engadiu sobre a xornada, “tivemos a oportunidade de contrastar experiencias, algunhas positivas e outras non tanto, con respecto ás cuestións lingüísticas. O público foi moi participativo”.